O BNG aposta por exportar a toda Galiza a “excelencia” do modelo de xestión de auga de Pontevedra

O BNG aposta por exportar a toda Galiza a “excelencia” do modelo de xestión de auga de Pontevedra

Pontevedra, 23 de xaneiro de 2024. Exportar a toda Galiza a “excelencia” do modelo de xestión sustentable da auga do Concello de Pontevedra e conseguir que os municipios galegos melloren o seu abastecemento facendo un uso máis eficiente e reducindo fugas nas súas redes. Ese é o obxectivo que o cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, anunciou hoxe para cando o Bloque Nacionalista Galego chegue á Xunta de Galiza.  

Coincidindo coa visita ás instalacións do sistema de abastecemento de auga de Pontevedra e da contorna o número un pola provincia presentou as propostas do BNG en relación co ciclo integral da auga. Destacou que a auga é un ben escaso e que é preciso facer un grande esforzo na mellora dos sistemas de abastecemento, saneamento e depuración. 

Plantexou un Plan Auga 2030 que permita mobilizar 100 millóns de euros ao ano para a mellora de todos os sistemas en colaboración cos concellos, deputacións e tamén co goberno do Estado. Bará defendeu a protección dos recursos hídricos e unha nova cultura da auga, a racionalización e mellora da eficiencia das infraestruturas de captación e abastecemento para reducir as perdas por debaixo do 10% como Pontevedra; a dixitalización dos sistemas de abastecemento; a implantación de medidas de eficiencia, aforro e autoconsumo enerxético tanto nas redes de abastecemento como nas de depuración;  e un programa experimental de reutilización de augas grises e de reciclaxe de lodos de depuradoras.

Para o BNG, dixo, é fundamental a creación do Consello da Auga para o uso sustentábel da auga previsto na lei de 2010 e un plan de aforro e redución do consumo de auga, a ademais dun plan de investimentos combinando infraestruturas centralizadas en zonas urbanas e pequenas infraestruturas en zonas de rural disperso, con comunidades de augas seguindo o modelo Tomiño-COXAPO, propoñendo para saneamento humidais artificiais para pequenos núcleos . 

Por último , Bará falou da creación da Cátedra da auga para a formación de profesionais e persoal técnico na nova cultura da auga, na protección dos recursos e na xestión eficiente do ciclo da auga.

O cabeza de cartel, acompañado do alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores e da concelleira Eva Vilaverde, non quixo deixar pasar a oportunidade de poñer en valor o proxecto e modelo de Pontevedra, “de excelencia na xestión” da auga conseguindo unha extraordinaria calidade do abastecemento, facendo que o 92% da auga chegue a destino e minimizando perdas, situando á vila do Lérez, á cabeza do Estado na materia. 

O BNG aposta por exportar a toda Galiza a “excelencia” do modelo de xestión de auga de Pontevedra