Pontevedra pon en marcha unha xeración de crédito de 700.000 euros para salvar os proxectos da Santiña e das cámaras das ZBE

Pontevedra pon en marcha unha xeración de crédito de 700.000 euros para salvar os proxectos da Santiña e das cámaras das ZBE

Pontevedra, 18 de xaneiro de 2024. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, compareceu en rolda de prensa para dar conta da ausencia de distintos contratos na Xunta de Goberno Local celebrada a primeira hora da mesma. Trátase dunha cuestión derivada da non aprobación dos orzamentos para o ano 2024, tal e como se vén informando ao longo das últimas semanas. 

“Teríamos que ter aprobado o estudo de situación da vivenda, tal e como estaba comprometido, ou o contrato para o estudo de estruturas municipais onde resaltan as pontes sobre o río Lérez; mais non pode ser pois temos que paralizar esta accións”, explicou Miguel Anxo Fernández Lores. “Fixemos unha análise esta mañá de como están, a día de hoxe, o fondos europeos, e coñecer como a situación de parálise que estamos a vivir pode afectar aos proxectos que teñen que ver con estes fondos”. 

Lores realizou un percorrido polos proxectos, dos menos afectados aos máis afectados por esta parálise orzamentaria, lembrando que o estado de cada un pode ser diferente, habendo xa proxectos listos para adxudicar e outros sen proxecto —e sen posibilidade de ser contratada a súa redacción pola situación actual—. 

“Os menos afectados, por suposto, son os que están xa contratados e adxudicados neste intre, como o da instalación de cámaras para controlar as Zonas de Baixas Emisións e a rehabilitación integral da Santiña”, sinalou. “Estes dous proxectos sufrirán unha demora de dous ou tres meses. Para axilizar o máximo posíbel o inicio das obra para cada unha das intervencións faremos unha xeración de crédito para que estas se inicien canto antes, en marzo a poder ser, e este é un trámite administrativo que podemos e faremos xa”. 

Os seguintes proxectos afectados en maior medida son os relacionados co PIREP, aqueles fondos concedidos para a recuperación do antigo conservatorio e Churruchaos, que contan co proxecto feito, mais non se pode abrir a licitación e polo tanto adxudicar até que haxa uns novos orzamentos, contando nestes con partidas de seu. “Os prazos están moi apretados, xa que as obras deberían iniciarse antes de setembro deste ano, no caso destes proxectos”, sinalou o alcalde. 

No referido aos fondos Fundación Biodiversidade, cun montante próximo aos 4 millóns de euros, cuxo proxecto máis importante é o destape do Gafos, o rexedor volveu sinalar a falta de orzamento para este 2024 como a clave para o seu atraso, polo que haberá que buscar «outras vías excepcionais de aportación municipal para poder contratar a elaboración do proxecto de renaturalización do Gafos». A idea é axilizar o máximo posíbel a redacción do proxecto e iniciar o seu proceso de licitación, que debería estar adxudicado antes de setembro do 2024. 

Por último, e xa en relación co BIC do Lérez, Lores explicou que o Concello está pendente de que “a Xunta aumente o prazo de execución para que poidamos elaborar os proxectos”. “Se non se aumentan non haberá tempo para elaborar estes proxectos e executalos. Quedamos pendentes nese sentido. A día de hoxe non hai proxectos nin temos capacidade de adxudicalo”. O prazo remata a finais deste ano. 

Pontevedra pon en marcha unha xeración de crédito de 700.000 euros para salvar os proxectos da Santiña e das cámaras das ZBE