Abandono dos espazos públicos: sinal de identidade do goberno no PP en Poio

Canteira de Graña
Canteira de Graña
Abandono dos espazos públicos: sinal de identidade do goberno no PP en Poio

O novo goberno do PP en Poio está a descoidar gravemente os servizos públicos e a limpeza do noso concello. Espazos importantes, como a canteira de Graña, chamada a acoller o novo Centro de Saúde, son utilizados nos últimos meses como vertedoiros de entullo, e outras áreas públicas emblemáticas, como o Parque da Memoria e o Parque de Ankar, permanecen abarrotados de lixo durante días.

Os gobernos do BNG destacaron polo coidado dos espazos públicos

O anterior goberno do BNG destacouse polo seu compromiso co coidado dos espazos públicos, mantendo Poio limpo e seguro. Con todo, o novo goberno parece non compartir este compromiso, afectando negativamente a calidade de vida dos veciños e veciñas.

É crucial que as autoridades actúen de inmediato para corrixir esta situación e restaurar o coidado axeitado dos servizos públicos. Poio merece unha xestión responsábel e comprometida co benestar da súa comunidade, pois estas imaxes son unicamente un exemplo do desleixo co que o Partido Popular está a gobernar o noso concello desde o mes de maio.

Tal e como fixemos xa nos organismos do concello, exhortamos ao goberno do PP a asumir a súa responsabilidade e tomar accións para remediar estes problemas. O BNG seguirá reclamando actuacións inmediatas para restaurar a imaxe de Poio e asegurar o respecto polos nosos espazos públicos.

Abandono dos espazos públicos: sinal de identidade do goberno no PP en Poio