Lores reúnese co Director Xeral de Mobilidade da Unión Europea
Pontevedra, 5 de febreiro de 2013. O Concello de Pontevedra estará mañá representado no congreso Intermodes 2013, no que participan todos os actores europeos implicados no mundo da mobilidade e que achega experiencias e plantexa distintas solucións á mobilidade nas cidades en toda Europa.
Na axenda do alcalde e dos representantes municipais en Bruxelas está unha entrevista co director xeral de Mobilidade da Unión Europea, Matthias Ruete, na que o alcalde explicara a experiencia da implantación da velocidade 30km/h na cidade, no momento en que a UE quere facela extensiva a todas as cidades europeas. Esta entrevista celébrase esta mesma tarde, a partir das 16.30 horas nas instalacións da Dirección Xeral de Mobilidade da UE en Bruxelas.
Tamén pola tarde parte da delegación pontevedresa se traslade ao auditorio no que mañá se celebrará o congreso Intermodes para instalar o stand da cidade de Pontevedra, tal e como lle ofreceu a organización ao concello. Un vídeo feito ex professo para esta presentación e unha revista editada en inglés é parte do material que a delegación pontevedresa exporá neste stand, no que basicamente se amosará Pontevedra e o seu modelo de mobilidade sustentábel.
Mañá pola mañá, ás 12.00 horas o alcalde recollerá de mans da organización de Intermodes o premio da presente edición. O premio Intermodes recoñece a aquelas autoridades europeas que destacan pola súa vontade política e os seus esforzos enxeñosos para mellorar a mobilidade dos cidadáns a través da intermodalidade: conectando medios de transporte uns con outros.
Intermodes escolleu Pontevedra para amosar que no que a intermodalidade se refire, non hai proxecto grandes ou pequenos, máis ben proxectos audaces, e o Metrominuto é un deles. Non se debe só a que se reserve un espazo especial para os peóns dentro da rede de mobilidade, senón porque se integra ao peón dentro dunha rede de transporte existente.
O propio Intermodes recoñece que mirando máis alá do Metrominuto, Intermodes quere dar un recoñecemento ao modelo urbano aplicado por Pontevedra e a política de mobilidade intermodal sustentábel proposta por Pontevedra.
É o quinto premio que Intermodes concede sendo os anteriores premiados:
2009: A rexión de Lorranie e Luxemburgo polo proxecto SMOT
2010: O cantón e a república de Geneva polo proxecto CEVA
2011: A rexión de Oresund polo tratamento de mobilidade entre Suecia e Dinamarca
2012: O comité organizador dos Xogos Olímpicos de Londres pola súa política de mobilidade dentro da villa olímpica.
Ademais, Intermodes convidou ao Concello de Pontevedra a participar como ponente no congreso. Pontevedra participará na terceira mesa redonda para exponer a súa experiencia xunto ao do Grand Paris e a de Amsterdam. Será o intendente principal da Policía Local, Daniel Macenlle quen faga esta exposición sobre o modelo de mobilidade na cidade do Lérez.