Pontevedra, exemplo a seguir en Europa

Pontevedra, exemplo a seguir en Europa

Pontevedra, 6 de febreiro de 2013. "Pontevedra é unha gran cidade e toda Europa debería aprender dela" dixo a presidenta de Intermodes, Natalie LeClerc, durante a entrega do premio Intermodes 2013 ao modelo urbano pontevedrés, no acto celebrado hoxe no International Auditorium de Bruxelas.

O principal atractivo de Pontevedra, segundo Natalie LeClerc, é ter recuperado á cidade para as persoas. Apuntou ademais que de cara ao ano 2015, Europa apostará por cidades "que non presenten dificultades de mobilidade" e aí, destacou, "Pontevedra xa o ten feito ao ser unha cidade 100 por cento accesíbel".

A filosofía de Intermodes é preocuparse polo ser humano e, en palabras da súa Presidenta,  "Pontevedra co benestar que proporciona o seu modelo urbano ten moito avanzado neste sentido".

O premio foille entregado ao alcalde de Pontevedra por Bernard Soulage, vicepresidente da rexión Ródano-Alpes e membro do Comité das Rexións da UE.

O Alcalde agradeceu o premio cun discurso en francés, que traducimos nas seguintes liñas.

 

Bos días, grazas

Os nosos máis sinceros agradecementos aos organizadores por este premio INTERMODES 2013. Pontevedra, con oitenta e tres mil habitantes, é a capital das Rías Baixas, rexión xeográfica paradisíaca, na fisterra ibérica, na Galiza.

Moi lonxe de Madrid, pero moito máis dos grandes centros económicos e de decisión da Unión Europea, este premio INTERMODES 2013 ten unha enorme transcendencia. Grazas, moi agradecido.

Dende 1999 percorremos un camiño rápido para devolverlle a cidade aos cidadáns, para converter unha cidade residencial, administrativa e comercial, absolutamente colapsada pola invasión de coches, nun centro de vida social, seguro, cómodo, agradábel e con cohesión social.

É común concibir a intermodalidade limitada a interconexión de modos de transporte motorizados.

En Pontevedra fixemos, consciente e planificadamente, unha revolución nesta área. A mobilidade prioritaria dentro da cidade ten que ser a peonil e a intermodalidade na cidade debe ter como elemento central esta mobilidade peonil.

Catorce anos despois, este camiño, ten dado uns froitos extraordinarios: 

  • Os nenos poden ir sós e andando á escola. Cidade educadora que fomenta a autonomía dos meniños. Premio Fundación Meniños galega. 
  • As persoas con mobilidade reducida poden moverse comodamente por toda a cidade. Premio Español CERMI. Convidados polo Goberno de Portugal. 
  • A cidade recuperou o seu ambiente orixinario e acadou unha grande calidade urbana. Premio Nacional Galego de recuperación urbana. 
  • A seguranza viaria é moi elevada, a percepción de perigo e as molestias e contaminación desapareceron. Premio español FEXVIAL de seguranza viaria.
  • Toda a cidade, absolutamente toda, ten como límite máximo 30 km/hora dende 2010. Premio Estatal de Seguranza Viaria.

A mobilidade e intermodalidade están centradas na mobilidade peonil que supera as dúas terceiras partes dos desprazamentos intra-urbanos. Por esta razón é posíbel e razoábel o metrominuto.

Para Pontevedra, cidade premiada reiteradamente, este é un premio moi diferente.

Por un lado, por ser concedido por unha entidade europea, o que amosa que a nosa experiencia está traspasando fronteiras. Agardo no futuro unha relación máis directa para intercambiar experiencias.

E por outro, é un premio concedido directamente á mobilidade e a intermodalidade, precisamente os aspectos que xeran máis dúbidas e provocan máis resistencias cando se trata de pór en práctica medidas profundas de potenciación da mobilidade peonil.

Por isto é un premio moi especial, decisivo para referendar o modelo urbano e de mobilidade de Pontevedra, modelo que foi posíbel por ter uns obxectivos claros e unha alta implicación dos cidadáns. Grazas Pontevedra.

Imaxinamos unha cidade sen claxons, freazos, fumes, ruidos, onde os sons dominantes son as voces dos nenos e os trinos dos paxaros. Hoxe, esa cidade é Pontevedra.

De novo grazas.

Moitísimas grazas.

Pontevedra, exemplo a seguir en Europa