Poio solicita da Xunta o dragado do contorno do peirao de Campelo
O Concello de Poio vén de solicitar da Xunta de Galiza o dragado do contorno do porto de Campelo, xa que debido á acumulación de area e lodos no fondo, as embarcacións quedan practicamente varadas en marea baixa.
A Confraría de Pescadores "San Telmo" de Pontevedra ten solicitado en múltiples ocasións reunións co director de Portos de Galiza para abordar unha solución a esta problemática, sen que desde ese organismo se dignasen nin a contestar.
Ante a deixadez manifestada por Portos de Galiza, o Concello de Poio acordou solicitar oficialmente da Xunta o dragado do contorno do peirao, de xeito que se solucionen os problemas que a día de hoxe teñen as embarcacións.