MARTES 17 ÁS 20 H. TEATRO PRINCIPAL
A xornalista Cristina Fallarás e a ex concelleira de Igualdade Carme Fouces pechan a programación municipal do 25-N coa conversa As violencias machistas no punto de mira
Pontevedra, 13 de decembro de 2024. A conversa As violencias machistas no punto de mira baixará o pano da programación impulsada pola Concellería de Igualdade co gallo do 25-N. A escritora e xornalista Cristina Fallarás e ex-concelleira de Igualdade Carme Fouces falarán sobre espazos seguros de denuncia para as vítimas de violencia machista. Modera o debate a xornalista Ana López.
A cita será o vindeiro martes 17 de decembro, ás 20.00 horas, no Teatro Principal. A entrada é libre ata completar aforo.
Cristina Fallarás traballa desde hai anos na recollida de testemuños de mulleres que sufriron violencia machista para que non caian no esquecemento. Parte deles quedan reflectidos no seu último libro "No publiques mi nombre. Testimonios contra la violencia sexual" (Siglo XXI Editores), que presentará neste foro e que asinará ao remate do acto.
Carme Fouces foi a impulsora da campaña #PrimAcoso do Concello de Pontevedra, desenvolvida no ano 2016. Unha iniciativa que abriu a porta a visibiizar, a través das redes sociais, a primeira situación de violencia sexual vivida polas mozas e mulleres pontevedresas. Responderon preto de 3.000 persoas. Os relatos foron analizados polo Grupo de investigación Saúde, Sexualidade e Xénero da Universidade de Vigo e revelaron, entre outras cousas, que o 76% das mulleres que compartiron a súa experiencia situaron na infancia o seu primeiro recordo de acoso e violencia sexual.
Ademais neste foro feminista do Teatro Principal vaise proxectar o videoclip coa canción "Memoria das mulleres" realizado por alumnado de varios institutos da cidade, ao abeiro do programa municipal Memoria de elefanta, que une mocidade e memoria.