Bota a andar unha nova edición da mostra colectiva e multidisciplinar ‘Do final e do comezo’, con traballos de Grao de alumnado e Belas Artes
Pontevedra, 13 de decembro de 2024. Un ano máis a exposición colectiva “Do final e do comezo”, reúne unha selección de proxectos artísticos resultado dun longo e intenso proceso de investigación e creación xermolado e construído na Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Realizados con motivo da última proba académica a superar, a presentación dos chamados TFG, representa o broche final dunha etapa de aprendizaxes, experimentacións e transformacións, para dar paso a novos camiños. Camiños múltiples, diversos e en constante movemento. Como se dun pequeno ruído visual se tratase, os seguintes pasos a dar tórnanse emocionantes e inesperados.
Unha selección composta de 28 Proxectos Fin de Grao reflicten os intereses e inquietudes de toda unha promoción. Conceptos e temas formulados a través dunha ampla diversidade de formatos, técnicas e procesos creativos (audiovisuais, esculturas, cerámicas, pinturas, pezas inmersivas, videoxogos, debuxos, fotografías, instalacións…)
Actividades dinamizadoras da mostra
Entre o 13 de decembro e o 12 de xaneiro terán lugar diferentes actividades dentro da exposición, tales coma visitas guiadas para todos os públicos e un par de obradoiros dirixidos a público adulto (+16 anos). Todas elas son de balde e teñen xa activo o formulario de inscrición no web municipal apuntate.pontevedra.gal
Visitas guiadas para todos os públicos os domingos 15, 22 e 29 de decembro ás 12h. e os venres 20, 27 de decembro e 10 de xaneiro ás 18.30h.
Obradoiros para adultos:
o Obradoiro Ecoprint, da man da artista Góa Vázquez o 28 de decembro de 18.30h. a 20.30h.: Obradoiro adicado a aproximarse á maneira de traballar da artista Góa Vázquez. Técnica “Ecoprint” e estampación botánica. O entintado natural de teas mediante elementos orgánicos. A experimentación de resultados e as súas posibilidades na creación.
o Obradoiro Garrapateiras, da man da artista Irene Ávila o 9 de xaneiro de 18.30h. a 20.30h.: Obradoiro de creación téxtil. Desde a técnica do ganchillo, con ou sen experiencia previa, aproximarnos a tres tipos de puntadas diversas para experimentar a abstracción. Empregando este medio de creación como ferramenta para plasmar recordos ideas e emocións. O fío como condutor da memoria.