DO 8 AO 15 DE XUÑO

Volve a Pontevedra Sete Falares, o Festival Internacional de contadoras e contadores de historias

Rolda de presentación de Sete Falares
Rolda de presentación de Sete Falares
Volve a Pontevedra Sete Falares, o Festival Internacional de contadoras e contadores de historias

Pontevedra, 27 de maio de 2025. O edil de Cultura Demetrio Gómez, acompañado de Tareixa Alonso e Xacobe Rodríguez de Pavís Pavós, coordinadores do festival, presentou unha nova edición de Sete Falares, que terá lugar entre o 8 e o 15 de xuño. 

“É unha das semanas do ano das que máis gozamos porque escoitar as narracións orais, a sinxeleza que hai na narración dunha persoa, é ben emocionante e unha das cousas máis bonitas que pasan en Pontevedra. Desta volta van vir desde os sete mares 12 contadores e contadoras diferentes para contarnos en Pontevedra as súas historias”, comentou o edil. 

Demetrio quixo lembrar que “todos os espectáculos serán de balde agás a inauguración o día 8 de xuño ás 20.00 h e a clausura o 15 ás 21,00 h, que terán lugar no Teatro Principal e contarán con venda anticipada a partir de mañá en Ataquilla.com. Os prezo serán de 8€ (4€ para persoas estudantes, desempregadas ou maiores de 65) e, de non esgotarse, tamén estarán á venda unha hora antes no despacho de billetes do teatro”. 

Sete Falares
Sete Falares

Tareixa Alonso afirmou que “desde Pavís Pavós estamos aquí un ano máis presentando esta festa da palabra, esta arte que é a de contar historias. O festival Sete Falares botou a andar xustamente o 8 de xuño de 2012, cunha duración da 3 días. A cousa foi medrando e nesta edición, ao igual que nas últimas, teremos xa sete días nos que se dan cita unha serie de contadoras e contadores que comparten este oficio. 

Chegan desde distintos lugares e este ano teremos contadores de Galicia, Colombia, Euskadi, País Valenciá, Uruguai e Brasil. Como veredes, o fermoso programa deseñado por Ovo, conta con sete animais mariños, que representan as nacionalidades dos convidados e convidadas, xa que este ano, todos os países que están en Sete Falares, teñen mar”. 

Antes de debullar o programa, que está dispoñible na web do evento setefalares.eu, onde é posible tamén consultar a biografía das persoas que farán parte deste encontro internacional de contadores de historias, Tareixa subliñou que o programa na súa totalidade está dirixido a público adulto. Poden vir adolescentes pero non é unha programación infantil.” 

Nos diferentes formatos habituais, con contadas individuais, de tres en tres ou de dous en dous, nas catro quendas do ‘Vieiro de historias por Pontevedra’ e na gala de clausura, o público poderá gozar con María da Pontragha (Galiza) e Bleuenn Le Friec (Bretaña), Caxoto (Galiza), Charo Pita (Galiza), Soledad Felloza (Galiza- Uruguai), Avelino González (Galiza), Iñaki Carretero (Euskadi), Léla Mayer (Brasil), Nelson Calderón (Colombia) e Raquel López (País Valenciá).

Volve a Pontevedra Sete Falares, o Festival Internacional de contadoras e contadores de historias