O Constitucional admite a trámite o recurso do Concello de Pontevedra contra a vulneración da tutela xudifical efectiva no recurso contra Ence

O Constitucional admite a trámite o recurso do Concello de Pontevedra contra a vulneración da tutela xudifical efectiva no recurso contra Ence

Pontevedra, 27 de maio de 2025. O Concello de Pontevedra recibiu esta mañá a providencia do Tribunal Constitucional na que se lle notifica a admisión a trámite do recurso de amparo municipal contra a prórroga de ENCE na ría de Pontevedra. A alcaldesa accidental, Eva Vilaverde, deu a coñecer a decisión xudicial que "vén a confirmar a postura do Concello de que procedemento contra a ENCE seguía aberto" e admitiu que "é extremadamente difícil que se admitan a trámite estes recursos".

Eva Vilaverde recoñeceu que para o Goberno Local "é unha cuestión importante porque non deixaba de ser unha gamberrada" xa que se trata dunha prórroga que "foi claramente irregular por falta de xustificación no que ten que ver co seu emprazamento; pola vulneración das directrices europeas xa que se fixo sen ningún tipo de concurso nin concorrencia; porque se infrinxiu o procedemento sen ter en conta nin pedir ningún tipo de informe municipal; cun goberno en funcións e en contra das DOT e do POL (as Directrices de Ordenación do Territorio e o Plan de Ordenación do Litoral) e sen ningún tipo de motivación en canto o prazo temporal que se deu".

A alcaldesa accidental informou que estas foron as alegacións presentadas polo Concello contra a prórroga que a Audiencia Nacional estimou nun único apartado -sen entrar a valorar os restantes- e, posteriormente, o Tribunal Supremo botou atrás sen ter en conta ningunha das outras alegacións.

Ante a resolución do Tribunal Supremo, o Concello entendeu que recibiu un trato de indefensión "por non ter estudado ningunha destas causas e o Concello xa o tomou como unha cuestión de dignidade", aclaraba Eva Vilaverde.

Ábrense agora varios escenarios, segundo a alcaldesa accidental: "ou ben a nulidade da sentenza do Tribunal Supremo por ser incompatible co criterio do Tribunal Constitucional e, polo tanto, que se declare a prórroga ilegal; ou ben que se retrotraia o procedemento e se resolva sobre eses asuntos que alegou o Concello e que non se estudaron; ou ben que o Tribunal Constitucional xa emita unha sentenza desfavorable e, polo tanto, nós seguiriamos no camiño acudindo ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea pedindo que se defendan os dereitos fundamentais dos pontevedreses e das pontevedresas".

O Constitucional admite a trámite o recurso do Concello de Pontevedra contra a vulneración da tutela xudifical efectiva no recurso contra Ence