O Concello de Caldas abre concurso para instalar de maneira estable a oficina de turismo na Rúa Real

Manuel Fariña
Manuel Fariña
O Concello de Caldas abre concurso para instalar de maneira estable a oficina de turismo na Rúa Real

Caldas, 26 de maio de 2025. O Concello de Caldas de Reis vén de abrir concurso para alugar un local estable para a oficina de turismo na Rúa Real. O Tenente de Alcalde Manuel Fariña explica que con este paso oficializaranse os trámites comezados xa hai meses para localizar de maneira definitiva o punto de información turística na contorna da Prazuela, “a mellor localización posible dado o alto número de persoas peregrinas que entran por esa rúa na nosa vila todos os días”. 

Fariña destaca que os datos de consultas na caseta provisional na Rúa Real o ano pasado demostraron que foi un acerto total trasladar a oficina dende A Tafona, xa que se bateu a cifra récord de 10.000 visitas na tempada activa entre os meses de agosto e novembro. No mes de xullo, cando o local de información turística aínda estaba na Tafona, a afluencia de turistas á caseta informativa apenas chegara ás 600 persoas. Esa cifra quintuplicouse nos seguintes meses: preto de 3.000 persoas en agosto e 3.500 en setembro, no mes de outubro case 2.000 consultas e 1.000 en novembro. 

“O noso obxectivo é que a experiencia da visita a Caldas mellore moito este próximo ano coas dependencias axeitadas e definitivas que permitirán que as persoas visitantes non teñan que desprazarse fóra do seu itinerario”, subliña o nacionalista, quen destaca que o obxectivo é que a nova oficina estea en funcionamento cumprindo os prazos habituais da campaña de verán, a principios do vindeiro mes de xullo. 

Para que isto sexa así, o Concello vén de lanzar oficialmente o anuncio do concurso público para o alugueiro do local, coas correspondentes prescricións técnicas. O goberno local quere unhas oficinas diáfanas de polo menos 50 metros cadrados, terá en conta como vantaxe ter espazo extra para abrir unha sala de exposicións, e valorará tamén que conte cunha fachada ampla, primando a localización nunha esquina para conseguir maior visibilidade. As instalacións deberán estar xa acondicionadas para unha axeitada funcionalidade só con retoques mínimos. 

O contrato de alugueiro para a oficina terá unha duración mínima de dous anos prorrogables e un prezo máximo mensual de 861 euros máis IVE, o que supón un total de 1.042 euros. Os criterios de adxudicación serán a rebaixa no custo de arrendamento (50 puntos), a relación de metros de fachada (25 puntos), a superficie do local (15 puntos) e situación en esquina (10 puntos).

O prazo para a presentación de ofertas finaliza o vindeiro 3 de xuño e as propostas abriranse en mesa de contratación ao día seguinte, o mércores 4. O contrato do Concello co arrendador que oferte a mellor proposición formalizarase nos dez días seguintes, para no resto do mes de xuño instalar o mobiliario, realizar as rotulacións e instalar os vinilos do departamento de Turismo do Concello e poñer a andar os servizos de telefonía, internet, auga e outros. 

Apunta Fariña que xa dende o verán pasado o Concello abriu contactos con persoas propietarias de locais na contorna do primeiro treito da Rúa Real (que comprende a rúa Laureano Salgado e a Rúa Real ata Juan Fuentes, así como os encontros coas diferentes rúas e prazas que a ela acometen).  Dado o interese espertado, agárdase que sexan varias as ofertas que se presenten e que incluso que sexan máis económicas que o prezo máximo que o goberno local está disposto a desembolsar. 

O Concello de Caldas abre concurso para instalar de maneira estable a oficina de turismo na Rúa Real