Caldas inicia a contratación dos traballos do gran proxecto de rehabilitación da carballeira e o xardín botánico

Manuel Fariña na Carballeira
Manuel Fariña na Carballeira
Caldas inicia a contratación dos traballos do gran proxecto de rehabilitación da carballeira e o xardín botánico

Caldas, 27 de maio de 2025. O Concello de Caldas de Reis ten a súa maquinaria administrativa a pleno funcionamento para sacar adiante o gran proxecto para poñer en valor a Carballeira e o Xardín Botánico como ‘Museo aberto 24/7’. O Tenente de Alcalde Manuel Fariña confirmou que o departamento que dirixe vén de lanzar a contratación unha asistencia técnica para planificar a experiencia turística e os detalles museográficos do espazo.

Fariña apunta que esta primeira fase é de vital importancia para o resultado final do proxecto de rehabilitación, xa que a asistencia técnica marcará as pautas integrais e unitarias que sentarán as bases “conceptuais e técnicas” para o resto das actuacións e obras a realizar: deberá garantir a coherencia, coordinación e a continuidade en todos os aspectos da experiencia turística, da musealización e dos contidos culturais.

Este traballo inicial, explica o Tenente de Alcalde, será principalmente “intelectual e creativo” e requirirá dunha equipa técnica interdisciplinar con coñecementos altamente especializados en museografía, turismo, patrimonio cultural, dereito administrativo e contratación. O grupo creativo estará formado por unha persoa coordinadora que deberá ter estudos universitarios de Historia, Historia da Arte, Antropoloxías ou Humanidades, un analista, un técnico especialista en produtos turísticos e outro especialista en xestión e asesoramento xurídico. Explica o Tenente de Alcalde que a intención é que a empresa adxudicataria teña experiencia acreditada en traballos semellantes. 

En canto aos prazos, o proxecto turístico terá que estar definido, na súa versión inicial, tres meses despois de asinado o contrato. Dado que se acaba de abrir o período de licitación e logo chegará o estudo de ofertas, a adxudicación do traballo e a súa redacción, a data na que se coñecerán as primeiras liñas de actuación será pouco antes de finais de ano. O proxecto definitivo xa cos cambios finais deberá estar presentado de cara a marzo de 2026.  

Lembra Fariña que a redacción deste traballo de planificación de todas as obras posteriores está condicionado por unha subvención pública, polo que o Concello de Caldas vai ser especialmente estrito co cumprimento dos prazos. Apunta que calquera atraso na redacción podería comprometer a axuda e supoñer a perda total ou parcial do financiamento, de aí que o goberno local imporá penalizacións que duplican as habituais. 

“O proxecto turístico que imos contratar agora ten unha relevancia estratéxica para o desenvolvemento e o éxito da rehabilitación da Carballeira, por iso é importante tanto ser moi esixentes coa súa calidade como rigorosos co calendario”, advirte.  

Fariña explica que o proxecto de rehabilitación integral da Carballeira pretende centrar a experiencia turística das persoas visitantes no goce do conxunto exterior, incluíndo tamén un centro de visitantes que completará o percorrido achegando maior valor engadido. A intención é promover unha boa comunicación dos valores intanxibles do BIC (históricos, naturais, e sociais, entre outros), innovar nos formatos de presentación, e prestar servicios adicionais como atención personalizada ou xestión de grupos. 

O proxecto ‘Xardín Botánico e Carballeira de Caldas de Reis. Museo Aberto 24/7’ conta cunha  subvención de 1,4 millóns de euros dos fondos Next Generation da UE que chegan a través do Ministerio de Industria. Esta axuda debe repartirse en oito epígrafes: o deseño dun proxecto turístico cunha boa musealización, a restauración integral do BIC, a monitorización do BIC para controlar a súa saúde natural de maneira intelixente, a apertura dun centro de visitantes, o deseño dun plan de enriquecemento da visita dende o ámbito exterior, a instalación de paneis fotovoltaicos para facer máis sustentable o espazo, a implantación dun sistema de xestión e, finalmente, tamén á posta en marcha de iniciativas de comunicación e acción social. 

No caso do proxecto turístico que inclúe o deseño da experiencia e a musealización, como primeiro paso base de todos os seguintes, o orzamento da asistencia técnica ascende a 60.500 euros. 

Caldas inicia a contratación dos traballos do gran proxecto de rehabilitación da carballeira e o xardín botánico