Pontevedra recibe a Chave do Valor Público e expón a súa transformación urbana en Lisboa

O alcalde recibindo a Chave do Valor Público en Lisboa
O alcalde recibindo a Chave do Valor Público en Lisboa
Pontevedra recibe a Chave do Valor Público e expón a súa transformación urbana en Lisboa

Pontevedra, 27 de maio de 2025. O congreso Public Value Fest celebrado en Lisboa entregoulle ao alcalde Miguel Anxo Fernández Lores a Chave do valor público. A cerimonia de entrega celebrouse a primeira hora do 27 de maio, xusto antes de expoñer e amosarlle ao público presente a transformación urbana que se vén realizando na cidade do Lérez ao longo das últimas décadas. 

O premio amosa o interese que segue a espertar Pontevedra no mundo e no urbanismo internacional, podendo compartir espazos de primeiro nivel, con algúns dos grandes nomes deste ámbito, coma Carlos Moreno, galardoado neste mesmo congreso. 

A organización do evento quixo destacar “a relevancia e o impacto do proxecto de Pontevedra na súa comunidade”, xa que funcionou de xeito literal “como unha chave para abrir a porta do valor público”. “O alcalde de Pontevedra pasou de ser o médico de distintas persoas, ao médico de toda unha cidade co obxectivo de curala das súas doenzas”. 

O rexedor pontevedrés tentou achegar as claves dun modelo que pon as persoas no centro e que continúa a mudar a cada día que pasa, adaptándose e adiantándose aos retos e necesidades do futuro. A inclusión da velocidade 30 e 10 qm/hora, os pasos de peóns elevados, a posta en valor do espazo público como punto de encontro, a accesibilidade universal... son algúns dos elementos que Fernández Lores citou durante o seu relatorio, como exemplos de medidas que funcionaron para que Pontevedra sexa o que é hoxe: unha cidade na vangarda. 

Previamente, Lores puido compartir conversa e tempo co urbanista franco-colombiano Carlos Moreno, que llembrou durante o seu discurso de recepción que Pontevedra, presente a través da figura do seu alcalde, é unha cidade exemplar e que logrou unha transformación positiva para a súa cidadanía, ao tempo que lembrou que non se trata de tamaños ou número de cidadáns, senón de decisións que poden e deben ser tomadas. 

Doutra banda, o político e escritor Gustavo Bolívar, candidato á presidencia de Colombia, tamén mantivo unha xuntanza con Lores. O colombiano amosou un grande interese en Pontevedra e agarda poder visitala este mesmo ano para coñecela de primeira man, na procura e estudo de distintos modelos urbanísticos que están a ser aplicados en todo o mundo. 

Fernández Lores valora positivamente este tipo de encontros e eventos, onde queda patente o interese que Pontevedra esperta nos distintos recunchos do planeta e entre os diferentes expertos no ámbito do urbanismo e a recuperación do espazo público. 

Pontevedra recibe a Chave do Valor Público e expón a súa transformación urbana en Lisboa