O BNG acusa goberno municipal de Valga de publicar unhas bases para a contratación de técnico/a en "envellecemento activo e prevención da dependencia" ignorando a formación neste ámbito
Valga, 27 de maio de 2025. O 26 de maio de 2025 publicábase no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra as bases e convocatoria para a contratación dunha praza de "técnico/a para a coordinación de actividades dentro do Plan Municipal de Envellecemento Activo e Prevención da Dependencia" e cuxas bases está subidas á Sede Electrónica do Concello de Valga.
Da análise da temario, dos 90 temas que figuran, apenas tres tratan sobre asuntos sociais, e de todos eles, ningún trata sobre o obxecto propiamente dito da convocatoria, o envellecemento activo e a prevención da dependencia. Ademais disto, até un 10% do temario está referido asuntos como o tráfico, o transporte, o medio ambiente, a educación, o urbanismo, o planeamento, as expropiacións ou as licenzas urbanísticas, temas que nada teñen que ver coas características da vacante convocada.
Segundo o descrito nas bases, o requisito principal dos aspirantes que desexen tomar parte da convocatoria é estar en posesión do título de licenciado/a en Dereito, Economía ou Administración e Dirección de Empresas, ou o grao equivalente. Chama especialmente a atención que unha praza para un técnico/a de servizos sociais se esixan ditas titulacións, obviando as que si teñen unha relación moito máis directa coa vacante, como poderían ser os graos en Traballo Social ou Educación Social.
Este posto, enfocado ao fomento do envellecemento activo e a prevención da dependencia, ten unha grande relevancia social. Está vinculado ao coidado das persoas maiores e á dinamización de programas que melloran a súa calidade de vida. Porén, as bases desta convocatoria resultan, cando menos, sospeitosa e preocupantes. É inxustificable que nun posto que require coñecementos e sensibilidade no ámbito da intervención social, a formación especializada apenas teña peso na valoración total do proceso selectivo. Nas bases recóllese un temario centrado case exclusivamente en contidos xurídico-administrativos, deixando de lado competencias e coñecementos clave como a atención á dependencia, o traballo comunitario, a igualdade ou a dinamización sociocultural, que si forman parte do traballo real no día a día deste perfil profesional.
A fase de oposición está claramente orientada a persoas cun perfil xurídico-administrativo, mentres que a formación específica en áreas como servizos sociais, atención á dependencia, igualdade ou envellecemento activo apenas conta cun máximo de 10 puntos nun proceso no que a puntuación total pode chegar aos 130. Esta convocatoria representa unha oportunidade perdida para profesionalizar e poñer en valor un ámbito de traballo tan necesario como é o coidado das persoas maiores e a promoción da súa autonomía. Desde o BNG de Valga animamos a todas as persoas con formación e experiencia neste campo a presentarse e facer valer os seus coñecementos, e reclamámoslle ao goberno municipal que rectifique estas bases para incorporar criterios máis xustos, coherentes e acordes coas funcións reais deste o posto.
Esta non é a primeira vez que o goberno municipal publica unha bases que non cumpren os mínimos de obxectividade e garantir a libre concorrencia, como pasou na convocatoria do proceso de selección dunha praza de arquitecto/a que tivo que ser rectificada até dúas veces polas irregularidades denunciadas polo Colexio Oficial de Arquitectos e os aspirantes. Outro caso semellante foi cando o BNG de Valga solicitou a rectificación das bases do proceso selectivo para a contratación temporal dun traballador/a social, ao que seguiu un recurso presentado polo Colexio Oficial de Traballo Social.
Para o BNG de Valga, a dignidade dos coidados e a calidade dos servizos públicos comezan por procesos de selección xustos e non arbitrarios, que valoren verdadeiramente a formación e a vocación das persoas que se dedican a mellorar a vida das veciñas e veciños de Valga.