Publicada no Boletín Oficial da Provincia a nova ordenanza de residuos municipais
Pontevedra, 10 de outubro de 2024. Hoxe saiu publicado no Boletín Oficial da Provincia (BOP) a nova ordenanza de xestión dos residuos de competencia municipal do Concello de Pontevedra, polo que comezará o periodo de exposición pública, logo de seren incluídas practicamente todas as suxestións realizadas durante o periodo de alegacións.
“É unha ordenanza que se adapta á lei actual (Lei 7/2022) de residuos e solos contaminados para unha economía circular”, indicou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. “Eu quero insistir en dúas cousas concretas sobre esta ordenanza: por un lado, que esta ordenanza recolle que os residuos son responsabilidade de aquel que os produce; e, segundo, os residuos misturados son unha auténtica bomba ecolóxica e, polo tanto, afecta negativamente a saúde do planeta e das persoas, mais separalos desde a orixe son un recurso na maioría dos casos”.
O alcalde lembrou que todos e todas temos a obriga de separar os residuos desde o primeiro momento, tanto nas casas como nos comercios e empresas, co fin de colaborar “á hora de deixar un planeta mellor”.