DO 10 DE OUTUBRO AO 21 DE NOVEMBRO
Ponteatro: a calidade e o compromiso do Teatro Galego
Pontevedra, 9 de outubro de 2024. Pontevedra conta cunha programación de teatro moi completa que inclúe público infantil, teatro para bebés, e programación para persoas adultas, que é o caso de Ponteatro, que este ano chega con 6 funcións a partir do xoves 10 de outubro e ata o 21 de novembro
Na programación deste ano non só destaca a calidade dos espectáculos senón tamén o compromiso do teatro galego de tratar temas de actualidade e comprometidos: no caso de "DeseXo" de Talía Teatro, que cunha importante labor de documentación, achega unha reflexión sobre como é a nosa educación sexual. No caso de "O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada", de ButacaZero facendo unha reflexión a partir da súa vivencia persoal sobre a esixencia do modelo de beleza ás mulleres. "Noso" de Os naúfragos trata tamén un tema de absoluta actualidade como é o espolio eólico que está a sufrir o país sin ningún tipo de respecto polo espazo, pola memoria, etc. "O dragón de Ouro", de Sarabela reflexiona sobre a situación dos traballadores e traballadoras precarias e das inmigrantes. Contraproduccións teatro presentará "Entrega en man", xirando arredor do racismo e a violencia cun texto traducido e dirección de Cándido Pazó. Un percorrido, en fin, polo mellor do teatro galego e o seu compromiso coa actualidade do país.
Cos 100 abonos dispoñibles xa esgotados, as entradas para cada un dos espectáculos están á venda en Ataquilla.com a prezos de 8€ (4€ para persoas desempregadas, maiores de 65 anos e estudantes).