Pontevedra asina o convenio coa Asociación de Informadores Cinematográficos para a celebración dos Premios Feroz
Pontevedra, 10 de outubro de 2024. O Concello de Pontevedra ven de asinar coa Asociación de Informadores Cinematográficos de España, que conta coa exclusiva á hora de celebrar os Premios Feroz. o contrato para a súa celebración en Pontevedra nos anos 2025 e 2026, e permitirá que a cidade do Lérez sexa por dous anos sede dun dos eventos máis importantes e chamativos da cultura cinematográfica de todo o Estado.
O convenio por dous anos terá un custo de 800.000 euros (+IVE) anuais, e cubrirá toda a programación relacionada cos Premios Feroz, incluíndo as diferentes proxeccións, obradoiros e actividades que se organizarán ao redor da gala do 25 de xaneiro; unha programación que xa comezou e que está a ser todo un éxito, tal e como se aprecia no esgotamento das entradas para as dúas primeiras proxeccións.
“Nós seguimos e seguiremos traendo eventos que promocionen e coloquen no mapa do mundo a Pontevedra”, sinalou o alcalde. “A través dun estudo que manexamos, feito pola empresa Onclusive, os resultados de promoción están a ser espectaculares. Para empezar, podemos dicir que a rolda de prensa realizada no pasado mes de maio tivo unha repercusión mediática e publicitaria estimada en máis dun millón de euros. Atendendo a cifras de edicións pasadas, a gala celebrada en Zaragoza contou cunha repercusión deste tipo valorada en máis de 57 millóns de euros”.
O rexedor lembrou que “non hai cartos” para pagar este tipo de promocións publicitarias, alén do retorno económico que virá da man da propia programación e da propia gala para a cidade.