Os vehículos todoterreo protagonizarán o 14 de decembro en Caldas unha exhibición solidaria de 4x4
Caldas, 10 de decembro de 2024. Gabias, inclinacións laterais, ramplas en subida e baixada, e paso por obstáculos espectaculares son algúns das dificultades que atoparán os todoterreos que acudan este sábado 14 de decembro a participar na primeira edición da „Exhibición Solidaria 4×4‟ que organiza o Concello dentro da programación de Nadal.
O Tenente de Alcalde Manuel Fariña explica que a Concellería que dirixe tomou a iniciativa de organizar esta nova cita da man dun grupo de persoas afeccionadas ao motor polo interese municipal en potenciar todo tipo de modalidades deportivas en auxe que poidan atraer público á vila termal. “É unha actividade diferente, novidosa en Caldas e agardamos que teña boa acollida entre a xente, xa que vai ser moi espectacular”, subliña o nacionalista.
A intención da organización é que nesta primeira edición se superen os 20 vehículos participantes, desde todoterreos tradicionais ata outros modificados, xa ben “semi monster trucks”, pasando por “buggies” e tamén “quads”, entre outros.
O circuíto, deseñado para a ocasión e no que leva toda a semana traballando o Concello con dúas máquinas e cinco persoas, estará situado nunha parcela de máis de sete hectáreas no lugar de Rabexe, un espazo que o Ministerio acaba de ceder á administración local ao pé da variante de Caldas, onde se situaba a antiga cementeira.
Alí haberá subidas de grande dificultade e baixadas, foxos, troncos e tamén outros orixinais obstáculos que, con grande seguridade, chamarán a atención do público pola capacidade e destreza das e dos pilotos ao volante. O espazo estará perfectamente sinalizado segundo a súa dificultade e as e os participantes poderán saber en todo momento o percorrido máis axeitado ás súas habilidades, permitindo saltos, derrapes e controis incribles.
O ambiente será non competitivo, festivo, e solidario, xa que tanto a inscrición como a asistencia como público será de balde e unicamente requirirá de levar xoguetes para a rapazada de Valencia que irán destinados ás persoas damnificadas pola DINA. Explica Fariña que, por cuestións de loxística e transporte, prefírense obxectos de pequeno tamaño.
A xornada comezará coas inscricións previas e está previsto que as e os participantes vaian entrando na zona de obstáculos dende as dez da mañá e de maneira paulatina durante todo o día. Haberá espazo de restauración e xantar dispoñible baixo unha carpa, así como un grande área de aparcamento dispoñible.
O Tenente de Alcalde Manuel Fariña agarda que a Exhibición 4x4, unha cita na que o motor será o total protagonista, se converta nun evento anual consolidado dentro da programación das festas de Nadal en Caldas, chegando incluso a ampliarse con outras novidades e futuras actividades complementarias.