Pontevedra traballará coordenadamente con Augas de Galiza para tentar paliar os asulagamentos da rúa Fernando Olmedo

César Mosquera
César Mosquera
Pontevedra traballará coordenadamente con Augas de Galiza para tentar paliar os asulagamentos da rúa Fernando Olmedo

Pontevedra, 10 de decembro de 2024. “Aleluia”, exclamou o concelleiro de infraestruturas do concello de Pontevedra César Mosquera ao dar conta da intención de Augas de Galiza de actuar para minimizar os asolagamentos na rúa Fernando Olmedo. “A lexislación vixente é un auténtico lío á hora de poder actuar nos ríos, e, despois de tantas voltas, por fin parece que tomaron a decisión de actuar coa nosa colaboración”. 

Mosquera explicou que o Concello de Pontevedra leva un tempo traballando en distintas alternativas, lembrando que “o lóxico sería que as fixese Augas de Galiza que son os especialistas na materia”. 

“Semella que a alternativa de baixar unha nova tubaxe por José Malvar é practicamente imposíbel polo que a creación dunha zona de control do caudal en Valdecorvos gana forza”, afirmou Mosquera. 

O concelleiro pontevedrés sinalou que haberá que seguir traballando entre ambas as dúas administracións para escoller a opción máis axeitada e que ofreza a mellor solución. Neste sentido, o Concello mantén que a opción máis prometedora sería a de contar cun espazo inundable durante a preamar, que retivese a auga nestes momentos máis delicados, para logo vertela de xeito controlado grazas a unha porta controlada mediante tecnoloxía sen fíos. “O que non serve na Galiza é unha fosa sen máis que conteña auga, xa que unha vez chea sería moi difícil que evacuase por mor das choivas que caen durante todo o ano”. Estímase que se poderían reter máis de 7.000 metros cúbicos neste espazo. 

Porén, a creación dun espazo de contención de auga na zona verde ao carón do CGTD, entre este e o Camiño vello de Castela, segue sendo unha opción complementaria a esta, e que serviría “para que a auga superficial de Fernando Olmedo puidese correr a unha zona con cota máis baixa”.

Pontevedra traballará coordenadamente con Augas de Galiza para tentar paliar os asulagamentos da rúa Fernando Olmedo