Pontevedra avanza na renaturalización do Gafos ao seu paso por Campolongo e perfila o proxecto que se levará a cabo

Pontevedra avanza na renaturalización do Gafos ao seu paso por Campolongo e perfila o proxecto que se levará a cabo

Pontevedra, 10 de decembro de 2024. Pontevedra continúa a avanzar no proxecto para destapar e renaturalizar o río Gafos no seu treito urbano, segundo deu a coñecer o concelleiro de infraestruturas, César Mosquera. 

“A primeira parte xa foi contratada no seu momento, unha asistencia técnica que logrou un bo traballo e que permitiu avanzar cara unha nova fase na que tivemos que tomar unha serie de decisións para pechar o proxecto definitivo que se realizará chegado o momento”, explicou. 

Estas decisións son: 

  • Sacar os tubos de saneamento do río, para ofrecer garantías durante o proxecto, xa que unha vez se quite a soleira nalgún momento pode haber un movemento que puxera en risto estes elementos. Trátase de catro tubos, dous por cada lado, que serán substituídos por un tubo en cada lado que albergará unha parella cada un. 
  • A mudanza dos tubos entrará dentro dos gastos elexíbeis da empresas concesionaria de auga. É dicir, este gasto a maiores, dentro do proxecto, que semella podería ser dun millón de euros, non sairá dos Fondos Europeos, senón que terían outra partida distinta. 
  • A obra farase completa e non por treitos. Esta decisión busca garantir a continuidade e eficacia do proxecto. Nese sentido, é posíbel que actuacións puntuais vaian aparte, como as pontes de Alcalde Hevia ou Xeral Rubín.

O proxecto tamén incluirá a creación dunha pasarela e dunha zona de estancia no colexio de Campolongo, un espazo que estará deseñado para facilitar a recollida ou entrega das crianzas no centro escolar. Esta idea formaría parte parte das melloras na accesibilidade dentro do proxecto. 

Tal e como indicou o edil, o obxectivo é adxudicar as obras antes do 30 de xuño de 2025, tal e como establecen os requisitos dos fondos europeos. 

Pontevedra avanza na renaturalización do Gafos ao seu paso por Campolongo e perfila o proxecto que se levará a cabo