O Goberno de Soutomaior investirá 40.000 en arranxar a estrada que une Romariz e Comboa
Soutomaior, 11 de decembro de 2024. O Goberno de Soutomaior investirá 40.000 euros de fondos propios no arranxo e adecentamento da estrada que une os barrios de Romariz e Comboa. Trátase dunha estrada no centro da parroquia de Soutomaior que conta cunha considerable afluencia, tanto dos centos de veciños e veciñas dos dous barrios como da veciñanza doutros barrios ou doutros concellos que se achegan até a zona fluvial da Veiguiña Longa, a máis importante da parroquia de Soutomaior.
O proxecto da actuación contempla a repavimentación e adecuación do vial, coñecido como rúa da Ponte. Ademais do reasfaltado, tamén se levarán a cabo tarefas de mantemento e limpeza das marxes da estrada e da súa contorna. Ademais, a obra inclúe a implantación de medidas para o calmado de tráfico (dous lombos), co fin de garantir a seguridade viaria dos veciños e veciñas que teñen o seu domicilio a ambos os lados da estrada.
Esta importante actuación no barrio de Romariz súmase a outras realizadas no barrio desde o comezo do mandato, como o arranxo da fonte de San Benito, o pintado de prazas de aparcadoiro nesta estrada entre Comboa e Romariz ou a reparación dun afundimento nunha das beirarrúas desta mesma estrada.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “esta é unha obra importante coa que damos un mellor servizo aos centos de persoas que fan uso desta estrada, ao tempo que melloramos a seguridade viaria tanto para os veciños e veciñas que viven arredor dela como para todas as persoas (maioritariamente xente maior e adolescentes), que a percorren a pé para achegarse ata a Veiguiña Longa”.
Manu Lourenzo sinalou que “seguimos coidando dos nosos barrios e do noso rural, atendendo as peticións dos veciños e veciñas no día a día e desenvolvendo o noso proxecto para Soutomaior, no que as persoas son o centro e non deixamos a ninguén atrás. Así o reflicten os 400.000 euros de investimentos en fondos propios realizados este anos e os outros 400.000 que imos destinar en 2025. Se a isto lle sumamos máis de millón e medio de euros, Soutomaior vai destinar o ano que vén 2 millóns de euros a mellorar a vida dos nosos veciños e veciñas”.