O BNG emenda os orzamentos da Xunta para que Soutomaior conte canto antes co novo centro de saúde

O alcalde Manu Lourenzo e o tenente de alcalde Pablo Garrido nun dos terreos cedidos para o novo centro de saúde
O alcalde Manu Lourenzo e o tenente de alcalde Pablo Garrido nun dos terreos cedidos para o novo centro de saúde
O BNG emenda os orzamentos da Xunta para que Soutomaior conte canto antes co novo centro de saúde

Soutomaior, 11 de decembro de 2024. O BNG emenda aos Orzamentos da Xunta de 2025 para que se recollan recolla no documento orzamentario partidas específicas con melloras en sanidade, educación e infraestruturas para mellorar a calidade de vida da veciñanza de Soutomaior.

Mellora da sanidade pública

Así, unha das emendas presentadas polo BNG aos Orzamentos da Xunta para o ano que vén solicita que se doten dunha partida específica para acometer a construción do novo centro de saúde de Arcade. Neste sentido, o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “o Goberno de Soutomaior xa fixemos todo o traballo que dependía de nós para que os veciños e veciñas de Arcade conten co seu novo centro de saúde”. Nos últimos meses, o Goberno local rematou o proceso de expropiación dos terreos nos que se construirá o centro e a súa cesión ao Sergas, polo que agora debe ser a Xunta a que dea os seguintes pasos.

Tamén no ámbito da sanidade o BNG de Soutomaior presentou outra emenda, ligada á da construción do novo centro de saúde, para que se dote este complexo sanitario co persoal e recursos que garantan unha atención de calidade para a veciñanza de Soutomaior. O actual centro de saúde conta unicamente con 3 médicos de Atención Primaria cuns cupos disparados, superior aos 1400 pacientes por facultativo, moi por enriba do que recomenda a OMS.

II Fase do IES

O BNG tamén presentou outra emenda centrada no ámbito da educación. Ao igual que en anos anteriores, a formación nacionalista solicita á Xunta que o Orzamentos de 2025 contemplen de maneira explícita unha partida para o desenvolvemento da Fase II do IES de Soutomaior, o que axudaría a desconxestionar as aulas actualmente masificadas. Trátase dunha demanda histórica do BNG de Soutomaior e da veciñanza, que xa desde antes da construción do instituto denunciaban que este non estaba capacitado para atender con garantías as necesidades da comunidade educativa do concello, polo que iniciar canto antes a construción da segunda fase é prioritario.

Transferencia do tramo urbano da PO-264

Por último, o BNG de Soutomaior presentou unha emenda na que lle pide á Xunta a transferencia do tramo urbano da PO-264 ao seu paso por Arcade. Trátase dun paso de gran importancia para que o Goberno de Soutomaior siga avanzando no proceso de transformación urbana do noso concello que se está a levar a cabo desde o comezo do mandato.

O BNG emenda os orzamentos da Xunta para que Soutomaior conte canto antes co novo centro de saúde