Soutomaior recupera unha moto de Protección Civil desaparecida desde 2020
O Goberno de Soutomaior vén de recuperar unha moto pertencente á frota municipal e que estaba cedida á anterior agrupación de Protección Civil. O vehículo levaba desaparecido desde 2020, de cando databa o último rexistro desta moto. Tras revisar o inventario facilitado polos anteriores responsables da agrupación de Protección Civil de Soutomaior, no que non constaba o vehículo, estes trasladaron ao Concello descoñecer a existencia da moto e a desactualización dos inventarios no que si constaba o vehículo, a pesar de que nestes catros anos o Concello de Soutomaior seguiu facendo fronte ao pago do seguro da moto.
Unha vez o pleno de Soutomaior acordou levar a cabo un informe por parte dos servizos técnicos municipais das contas e actividades da antiga agrupación de Protección Civil, apareceron facturas do arranxo deste vehículo por parte da anterior agrupación de Protección Civil no ano 2020, que foron asinadas polo responsable nese momento e actual concelleiro do Partido Popular, Carlos Bas.
Ante esta situación irregular, o Concello de Soutomaior viuse na obriga de presentar unha denuncia ante a Garda Civil pola desaparición do vehículo, co obxectivo de intentar esclarecer o ocorrido. Tras realizar as investigacións pertinentes, os axentes da Garda Civil atoparon finalmente a moto municipal, localizada nun taller de compra-venta de vehículos no concello de Barro.
A Garda Civil púxose en contacto co propietario do mencionado taller para coñecer o estado actual da moto e comezar coa tramitación para que Soutomaior recupere este vehículo que levaba catro anos desaparecido. A fiscalización e a investigación aprobadas polo pleno de Soutomaior seguirán co obxectivo de salvagardar os recursos e patrimonio municipal e depurar responsabilidades.
O concelleiro de Interior, Diego Moreira, sinala que “esta situación irregular relacionada coa anterior agrupación de Protección Civil súmase a outras, como a causa prexudicial aberta polo sobrecusto en determinadas facturas de produtos, como desengrasante subministrados pola empresa Proviserv Ecological á anterior agrupación. Dende o Goberno de Soutomaior traballamos para esclarecer e solventar todas as irregularidades atopadas neste e noutros servizos, sempre pensando no mellor para o Concello e a nosa veciñanza”.