Pontevedra súmase á reivindicación do recoñecemento oficial da lingua de signos galega que promove XOGA
O Concello de Pontevedra iluminou o pasado 14 de xuño de azul turquesa as pontes da cidade co gallo do Día nacional das Linguas de signos españolas. Deste xeito púxose o ramo a unha xornada co foco na lingua de comunicación das persoas con diversidade sensorial —xordas, con perdida auditiva e xordo-cegas— e na que se reivindica o recoñecemento oficial da lingua de signos galega. Hoxe en día tan só hai dúas linguas de signos recoñecidas no estado: a española e a catalá.
A concelleira de Benestar Social, Anabel Gulías, reiterou publicamente e diante da presidenta da Organización de Diversidade Sensorial de Galicia-Xoga, María Jesús Monterde o vogal Rafael Barroso, o apoio do Concello «á reivindicación lexítima da lingua de signos galega (LSG)» e quixo pór en valor o traballo a prol da inclusión de Xoga, que coñece de primeira man. Ademais de outras colaboracións, o seu departamento ten en marcha o programa Comunico, que conta cunha bolsa de horas ILSE (Intérprete de linguaxe de signos) para usos institucionais, sociais e comunitarios.
O propio alcalde Miguel Fenrández Lores reuniuse brevemente cos directivos de Xoga para lles expresar o seu apoio a reivindicación da LSG e interesarse polo seu labor.
A presidenta de Xoga, María Jesús Monterde, avogou polo recoñecemento oficial da lingua de signos galega, «que é unha lingua diferenciada, que modela a nosa nosa identidade, ten arraigo en Galicia, é parte da nosa cultura e historia» . Ademais, engadiu, «sen ela as novas xeracións das persoas con diversidade sensorial tampouco aprenden a lingua oral galega». En resume, a lingua é un factor fundamental de creación e mantemento dunha identidade como comunidade diferenciada e culturalmente identificade,
Un estudo realizado por Xoga constata que en Galicia hai 29.069 persoa xordas, cunha valoración igual ou superior ao 33 % de discapacidade, que se comunicarían necesariamente cun mínimo de 4 persoas (pai, nai, cónxuxe e fillo/a) o que daría unha comunidade signante de 116.276 persoas, o que supón o 4,30% da poboación galega. Entenden, desde a Organización de Diversidade Sensorial de Galicia, que este dato cuantitativo xa debería levar ás administracións, obrigadas a velar polos dereitos de todos os cidadáns, a impulsar a lingua de signos galega.
Por outra banda, Xoga impartiu un obradoiro de lingua de signos no Centro de maiores Saraiva. Como subliñou María Jesús Monterde, aprender a lingua de signos «ten moitos beneficios para a terceira e cuarta idade, xa que fortalece a memoria e traballa a psicomotricidade». Non hai que esquecer que a lingua de signos é unha linguaxe de carácter visual, espacial, xestual e manual.
Por último Xoga, nun chanzo máis para reclamar a lingua de signos galega, subiu ás súas redes sociais un vídeo co abecedario dactílolóxico da LSG.