Soutomaior comeza os traballos de asfaltado na estrada de Auxil, no barrio de Moreira

Visita ao asfaltado de Auxil, en Moreira (Soutomaior)
Visita ao asfaltado de Auxil, en Moreira (Soutomaior)
Soutomaior comeza os traballos de asfaltado na estrada de Auxil, no barrio de Moreira

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, e os concelleiros Pablo Garrido e Charo Bouzón achegáronse ata o barrio de Moreira, onde deron comezo os traballos para levar a cabo o asfaltado na estrada de Auxil. Trátase dun dos tres asfaltados que integran a tripa actuación que o Goberno de Soutomaior anunciou para os barrios de Moreira e Lourido e o campo de fútbol de Salgueirón. Unha importante actuación que contará en total cun investimento aproximado de 70.000 euros.

Os asfaltados nos barrios de Moreira e Lourido e no campo de Salgueirón, que o alcalde Manu Lourenzo confirmou que comezará nos vindeiros días, súmanse así aos xa realizados durante o pasado ano no barrio da Feira, nas rúas de Cochón e da Lavandeira; na estrada que conecta o barrio de Moreira co Viso, en Redondela; e o máis recente, o da estrada que une os barrios de Romariz e Comboa, entre outros. O Goberno de Soutomaior tamén anunciou que levará a cabo o arranxo da estrada principal do Val-Sobral. Unha actuación que tamén leva aparellada a reurbanización e humanización deste núcleo rural.

Ao tempo que se leven a cabo os asfaltados, o Goberno de Soutomaior está a aproveitar estas actuacións para levar a cabo a limpeza de cunetas e o desatascamento das tubaxes que pasan por debaixo de cada unha das estradas que se arranxen, levando así a cabo un mantemento do sistema de pluviais.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que o obxectivo principal deste plan de asfaltados en estradas municipais que se está a levar a cabo en varias fases é subsanar de maneira completa os numerosos desperfectos que desde hai anos presentan estas vías. “Estamos a mellorar pouco a pouco as estradas e vías municipais e polas que cada día circulan centos de veciños e veciñas. Trátase dunha actuación integral nos barrios de Soutomaior que se desenvolverá en varias fases, co obxectivo de chegar a todos os puntos do concello”.

“No Goberno de Soutomaior estamos convencidos que o rural ten dereito a contar cunhas vías que lles permitan desenvolver o seu día a día nas mellores condicións. No canto de realizar simples bacheados, estamos a realizar un importante esforzo para facer asfaltados completos e que os nosos veciños e veciñas conten cunhas estradas municipais que lles permitan desprazarse sen dificultades para traballar, desfrutar do seu tempo libre e que dean acceso a servizos básicos esenciais”, concluíu Manu Lourenzo.

Soutomaior comeza os traballos de asfaltado na estrada de Auxil, no barrio de Moreira