Pontevedra agarda que a parcela da coñecida como Finca do Teucro acolla a construción de vivenda protexida
Pontevedra, 30 de abril de 2025. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, deu conta da aprobación definitiva do estudo de detalle para reaxustar as aliñacións, tras completarse o prazo de exposición ao público, da coñecida como Finca do Teucro. Este estudo de detalle ten como obxectivo principal regularizar a ordenación urbanística na zona, evitando a aparición de medianeiras que se producirían co planeamento actual no entronque coa unidade cinco. A medida implica un reaxuste que reduce edificabilidade nunha área da parcela para ampliala noutra, mantendo a edificabilidade total da mesma.
Esta parcela forma parte da unidade cinco de actuación, unha área que leva moitos anos en tramitación e que, após crise de 2007, pasou a ser propiedade da Sareb. “Dende o Concello, temos un interese claro en que se remate o desenvolvemento urbanístico desta zona das Moureiras, contribuíndo así a completar a cidade”, indica o rexedor.
Ademais do remate da trama urbana e a creación dunha praza pública, este desenvolvemento permitirá a construción de novas vivendas, máis de 180. “Ante a situación actual de déficit de vivenda e o seu encarecemento, dende o goberno municipal vemos unha oportunidade e unha necesidade. Sendo a propiedade da Sareb, que depende da administración do Estado, temos o máximo interese en que estas vivendas se destinen a prezos máis asequibles, ben sexa como vivenda de protección pública ou con prezos tasados”, sinalou Fernández Lores.
Esta demanda xa fora lanzada pola senadora do BNG Carme da Silva en Madrid, indicando que os terreos da Sareb en concellos como Pontevedra deberían ser destinados a alugueiro social ou vivenda máis asequible. Esta parcela, xunto con outras pendentes polo INVIED, son prioritarias nesta demanda.
Unha vez que este estudo de detalle obteña a aprobación definitiva no Pleno, poderase presentar o proxecto de urbanización e solicitar as licenzas para a urbanización e a construción das vivendas.