O Concello e Boa Vida impulsan a moda circular e o consumo responsable coa primeira "feira vintage de roupa ao peso" no Mercado

Alberto Oubiña e a responsábel de Boa Vida na presentación da feira
Alberto Oubiña e a responsábel de Boa Vida na presentación da feira
O Concello e Boa Vida impulsan a moda circular e o consumo responsable coa primeira "feira vintage de roupa ao peso" no Mercado

Pontevedra, 2 de maio de 2025. O Mercado de Pontevedra acollerá este sábado, 3 de maio, a primeira feira vintage de roupa ao peso organizada pola asociación Boa Vida. A iniciativa, que conta coa colaboración do Concello de Pontevedra, desenvolverase no primeiro andar do espazo municipal de 10.30 a 15.00 horas. 

O edil Alberto Oubiña quixo destacar durante a presentación da cita que esta feira busca ser un espazo de encontro que conxuga a moda, a sustentabilidade e, especialmente, o compromiso social. Nuns momentos de consumo masivo, de fast fashion, o concelleiro subliñou a importancia de “parar e pensar no que estamos a producir e no impacto que isto ten na sociedade e no mundo”. 

Esta feira vintage, ao promover a reutilización, tamén contribúe á liña de traballo do Concello en materia de redución e reutilización de residuos. Ademais, Oubiña puxo en valor o uso do primeiro andar do Mercado, un espazo que demostra o seu facer multidisciplinar para os veciños e veciñas de cidade, así como para os visitantes -cada vez máis numerosos perante a proximidade do verán-. 

O modelo central da feira é a venda de roupa ao peso, ao quilo. As persoas asistentes terán a oportunidade de atopar pezas únicas, reutilizadas e antigas, que foron coidadosamente seleccionadas polo equipo de Boa Vida. 

Trátase de roupa doada e de segunda man, centrándose no téxtil para toda a familia: home, muller e nenos, e non se inclúe calzado. Estarán dispoñibles para a venda aproximadamente 300 kg de roupa. O prezo único por quilo oscilará aproximadamente entre 5 € e 10 €, variando en función das prendas. 

Tal e como din desde a organización, a feira enmárcase na misión de Boa Vida de traballar por unha sociedade máis xusta, inclusiva e sostible, labor que este colectivo leva realizando dende hai 13 anos, apoiando a máis de 300 persoas en situación de pobreza e exclusión social. Promover a moda circular é, para Boa Vida, unha ferramenta de cambio para chegar a novas xeracións. Consideran que a feira é unha forma de que a cidadanía practique a solidariedade directa e a economía circular. Agradeceron tamén a todas as persoas que doan roupa, sen cuxo xesto o seu traballo non sería posible. 

Co obxectivo de fomentar o consumo responsable e reducir o impacto ambiental da produción téxtil, durante a xornada haberá música en directo para dinamizar o ambiente e proxectaranse vídeos sobre o impacto ecolóxico e social da produción téxtil masiva. Búscase xerar conciencia crítica e impulsar hábitos de consumo máis sostibles entre a mocidade e a poboación en xeral. 

Recoméndase levar bolsa reutilizable para participar nesta proposta que conxuga moda, cultura e compromiso social e ambiental. 

O Concello e Boa Vida impulsan a moda circular e o consumo responsable coa primeira "feira vintage de roupa ao peso" no Mercado