A solidariedade con Palestina desborda o Multiusos de Arcade
Soutomaior, 20 de setembro de 2025. O Goberno Local organizou un acto co fin de analizar a situación actual do pobo palestino. Un acto dirixido polo alcalde, Manu Lourenzo, e que contou coa participación de Beatriz Carrasco de BSD Galiza e coa intervención de Mohamed Safa, médico oftalmólogo e escritor. Unha cita que tamén contou co directo do artista local Antón Ke.
O acto, Desmontando a Israel, comezou ás 20:30h. cun Multiúsos ateigado de xente, o alcalde Manu Lourenzo quixo agradecer o apoio e o exemplo de dignidade da veciñanza de Soutomaior co pobo palestino, Lourenzo engadiu que “a nosa loita é a loita do pobo palestino” e quixo agradecer enormemente a presenza de Safa no Multiúsos.
Beatriz Carrasco foi a encargada de presentar a Safa e de situar ás e ós asistentes na realidade do pobo palestino e foi Mohamed Safa, quen se emocionou en varios momentos, o encargado de contar e de narrar esa crúa realidade, unha realidade da que dixo soamente coñecemos o 10% do que pasa na franxa de Gaza, “´é terrible o que está pasando e quedan uns meses moi duros para a poboación palestina”. Safa tamén quixo destacar a resposta a "la vuelta" como “un exemplo de apoio e de repulsa ante unha situación insostible que está vivindo o pobo palestino”.
O acto comezou e rematou coa música ao vivo de Antón Ke, entre os seus temas non faltou o seu "Paz e liberdade para Palestina".