Aberto o prazo para participar nunha nova edición do obradoiro ‘Teatro con Lingua’ , promovido polo concello de Pontevedra
Pontevedra, 22 de setembro de 2025. O prazo de inscrición para formar parte do Teatro con Lingua, o grupo de teatro promovido pola Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Ponte vedra, está xa aberto no correo normalizacionlinguistica@pontevedra.eu.
Esta proposta, levada a cabo con anterioridade, busca dinamizar o uso do galego entre a xente nova, de 18 a 30 anos, a través da improvisación e da creatividade teatral. A boa acollida motivou que desta volta, o curso estenda a súa duración.
O grupo estará guiado por Vicky Estévez, persoa cunha ampla traxectoria como actriz, directora de teatro e guiando grupos de animación á lectura e sexualidade.
Os obxectivos da actividade son:
- Achegarse ao teatro amador improvisado en lingua galega
- Dinamizar o uso oral da lingua galega entre a xente nova
- Promover o galego como lingua de socialización
- Estimular a creatividade
- Reflexionar con ollada crítica sobre diferentes temas
- Os ensaios terán lugar no Centro Sur (andar baixo), en Campolongo os mércores de 19 a 21h. Comezarán o mércores entre outubro e maio. Unha vez rematado o curso, o grupo fará unha montaxe final aberta ao público.
As prazas son limitadas. Para solicitalas cómpre enviar un correo electrónico a normalizacionlinguistica@pontevedra.eu indicando nome completo, idade, teléfono de contacto e enderezo electrónico.