Pontevedra abre o prazo de inscrición para as actividades do Apego no outono

apego
apego
Pontevedra abre o prazo de inscrición para as actividades do Apego no outono

Pontevedra, 22 de setembro de 2025. O concello de Pontevedra abríu o prazo de inscrición para as actividades que o programa Apego vai desenvolver este outono para as familias con crianzas de 0 a 6 anos, ou que estean á espera dun bebé. O programa, que terá lugar entre outubro e decembro, ten como obxectivo xerar espazos de lecer e socialización en galego, así como ofrecer recursos e ferramentas para activar e enriquecer a lingua das familias. Todas as actividades son de balde, mais cómpre inscribirse previamente, xa que a cabida é limitada. No web municipal apuntate.pontevedra.gal están dispoñibles os formularios para as diversas propostas. 

As familias con bebés de 0 a 3 anos contarán con numerosas propostas cos arrolos, cantigas, contiños ou xogos de dedos como centro. Todos eles, elementos fundamentais do noso patrimonio oral, lúdico e musical, son un valioso recurso para iniciar os bebés na linguaxe, reforzar vínculos afectivos e crear espazos de calma ou diversión. Estas sesións estarán guiadas por Sonsoles Penadique, Chechu Riquelme, a Asociación Socio-Educativa Antonio Gandoy, Marta Ortiz, Luís Prego e Samuel Soto. 

Programa outono 2025
Programa outono 2025

Sonsoles Penadique e Chechu Riquelme abrirán a programación o venres 10 de outubro con dúas sesións de Animais encantados, unha actividade que inclúe música, narración oral, danza e xogo, e cuxo fío condutor son os animais máxicos propios de distintas tradicións. 

A proposta para o venres 24 de outubro vén da man da Asociación Socio-Educativa Antonio Gandoy e chámase O son que me arrola, unha aposta pola estimulación sonora dos bebés, con música en directo e espazo para a experimentación, para que as crianzas se acheguen á nosa cultura a través de cantos de berce, lerias, enredos e distintos instrumentos. 

O venres 14 de novembro haberá oportunidade de coñecer de primeira man a nova actividade de Marta Ortiz, Onde nace a lingua, unha sesión baseada na nosa tradición oral con adiviñas, trabalinguas, contos rimados acumulativos e encadeados para xogar cos sons, co ritmo, coa xestualidade e coa lingua de maneira divertida e participativa. 

E o xoves 20 de novembro serán Luís Prego e Samuel Soto os encargados de guiar as sesións musicais Prende no colo, nas que as familias poderán familiarizarse con cantigas, cantos de berce, xogos de dedos, recitados e outras pezas pensadas para iniciar as crianzas na linguaxe, no ritmo e na melodía a partir de temas tradicionais galegos. 

A actividade do día 5 de novembro está aberta a familias con crianzas de 1 a 6 anos. Chámase Danzando co outono e é un obradoiro ligado á danza impartido por Laura Martínez Rey. Durante as sesións as familias integrarán a lingua a través do corpo e o movemento, e conectarán as dinámicas de respiración, ritmo ou danza con conceptos e produtos típicos do outono, acompañadas por música e diferentes materiais. 

Para a etapa de 3 a 6 anos haberá dúas propostas específicas. Pan con chocolate é a proposta de María e Carme da Pontragha, que ofrecerán dúas sesións moi participativas de narración oral, música e baile. 

Pola súa banda, as familias con crianzas de cinco anos en adiante poderán gozar do obradoiro O gaiteiro verde, coa Fundación Legar, no que aprenderán a construír instrumentos musicais con materiais naturais e a usalos para acompañar cantigas. 

Un pobo con historia de seu

Continúa tamén durante as fins de semana o ciclo de actividades Un pobo con historia de seu, a cargo de Polo Correo do Vento e Ab Origine, e con dinamización musical de Marcelo Dobode. Trátase de actividades de hora e media de duración que se desenvolven en distintas parroquias e localizacións do concello de Pontevedra. Constan dunha pequena explicación sobre un período histórico concreto, un contacontos, un obradoiro de debuxo guiado e un obradoiro de artesanía. Están orientadas e adaptadas para que as familias con crianzas a partir de 3 anos entren en contacto coa historia e a cultura propias dunha maneira interxeracional e lúdica, e para fomentar o uso da nosa lingua en contextos de lecer. 

O ciclo de actividades Un pobo con historia de seu ten o seu propio formulario de inscrición tamén no web apuntate.pontevedra.gal 

As familias do concello de Pontevedra con crianzas de 0 a 6 anos que queiran formar parte do programa Apego, poden solicitar unha cita para sumarse escribindo a normalizaciónlinguistica@pontevedra.eu. 

Pontevedra abre o prazo de inscrición para as actividades do Apego no outono