13 DE XULLO NO PEIRAO DE ARCADE
Nace "Son das Alvedosas", un festival pensado por e para a mocidade de Soutomaior
Soutomaior, 25 de xuño de 2024. A concelleira de Xuventude, Rosana Martínez, participou na presentación do festival musical ‘Son das Alvedosas’, que decorrerá no Peirao de Arcade o vindeiro 13 de xullo. O evento está organizado polo Concello de Soutomaior, da man da asociación cultural e xuvenil ‘Irmandiñas de Soutomaior’. Precisamente, na presentación tamén participaron Sabela Lorenzo e Lara Prado como representantes da asociación, xunto con Clara Seco, en representación dos grupos e artistas participante.
Nesta primeira edición do ‘Son das Alvedosas’, o cartel estará integrado por Laura Panicanela, MJ Pérez e Maskarpone. Ademais, haberá sesión DJ a cargo de Meu Carinho e The Game Disco. Xunto coa oferta musical, o público asistente ao ‘Son das Alvedosas’ poderá participar nunha serie de actividades e obradoiros complementarios, así como outras novidades e sorpresas que a organización do festival irá anunciando nas vindeiras datas.
Sabela Lorenzo, presidenta da asociación cultural e xuvenil ‘Irmandiñas de Soutomaior’, sinalou que “desde hai anos existe no noso concello a demanda de eventos e actividades dirixidas cara a nós, a mocidade. ‘Son das Alvedosas’ nace coa idea de darnos aos mozos e mozas de Soutomaior un espazo artístico e cultural que aposta polos valores da igualdade, a promoción da cultura e a lingua galegas e a participación cidadá, neste caso da xuventude. É de agradecer a sensibilidade e o firme compromiso mostrados polo Goberno local coa mocidade do noso concello”.
Pola súa parte, a concelleira Rosana Boullosa sinalou que “o Goberno de Soutomaior traballa da man con todos os sectores sociais municipais para facer do noso concello un lugar mellor e no que ninguén queda atrás. Exemplo diso son as numerosas obras e actuacións que estamos a levar a cabo nos barrios do concello, en consonancia coas necesidades que nos traslada a veciñanza, coa que mantemos constante comunicación. E tamén proba diso é a aposta por actividades e eventos como o ‘Son das Alvedosas’, co que damos resposta a unha demanda histórica da nosa mocidade”.