Pontevedra acolle o Campionato Galego Infantil de Natación
Pontevedra, 25 de xuño de 2024. “Estamos realmente contentas de que as instalacións Rías do Sur continúen a ser unha referencia e continúen atraendo deporte e campionatos”, indicou a concelleira de deportes Anabel Gulías na presentación do Campionato Galego Infantil de Natación que terá lugar nas instalacións deportivas Rías do Sur os días 29 e 30 de xuño. “É impresionante comprobar sempre o movemento que se xera en Ponte Muíños cando hai un campionato ou unha cita desta clase, enchendo de vida toda a zona”, afirmou.
O campionato galego de natación contará co CN Galaico na organización, e achegará preto de 200 nadadores e nadadoras, promesas de futuro, até as piscinas pontevedresas. Desde a Federación Galega de Natación transmitiuse a felicidade que lle provoca ter este en Pontevedra, agradecendo a colaboración institucional para que sexa posíbel.
O campionato vivirá o seu inicio ás 10.30 horas do sábado (17.00 horas pola tarde), namentres o domingo comezará ás 10.00 horas (16.30 horas pola tarde). A entrada para o público é libre.
Desde o CN Galaico, a través do seu presidente Alberto Castro, indicaron que este torneo funcionará como un fin de festa tremendo para o curso académico dos rapaces e das rapaces participantes, agardando «que gocen da cita e das instalacións de Pontevedra».