Atlántica, o festival internacional de narración oral, chega a Caldas cun “mar de contos”
Caldas de reis, 25 de xuño de 2024. "Atlántica", o Festival internacional de narración oral, chega este ano por primeira vez a Caldas de Reis “cun mar de contos” para persoas adultas e rapazada. O malecón do Xardín Botánico acollerá o mércores e xoves da vindeira semana os espectáculos de Quico Cadaval e de Jaime Santos, destinados respectivamente a público adulto e infantil (+4anos) e familiar, totalmente de balde.
O Tenente de Alcalde Manuel Fariña fai unha chamada á veciñanza a gozar desta iniciativa, na que participa por primeira vez a vila termal, e que levará 90 funcións de narración oral a 25 municipios galegos e outros cinco portugueses durante a primeira semana de xullo. O nacionalista destaca que as funcións permitirán ás veciñas e veciños de Caldas “pasar un tempo entretido entre risas, pero tamén momentos de reflexión, ao tempo que se conserva o patrimonio inmaterial da narración oral”.
A primeira cita en Caldas será o xoves 3 de xullo (21 horas), coa estrea do espectáculo ‘Lendas suburbanas’ de Quico Cadaval, un monólogo destinado a público adulto, no que o polifacético narrador fará que as vellas lendas rurais “asalten o territorio da modernidade enmascarándose e modificándose para devolver ao público os vellos terrores e as antigas gargalladas”.
O xoves 4 (ás 12 do mediodía) será a quenda do espectáculo ‘Vulgarcito’ dirixido a público infantil e familiar, da man de Jaime Santos, de ‘La Chana Teatro’, un dos grandes referentes da escena salmantina. “De maneira rimada, articulada, redondeada, recta e inclinada como unha gargallada”, a historia que contará Santos presentará a vida dun pobre raparigo que habita nun reino triste.
‘Vulgarcito’, segundo define o dramaturgo, é unha dramatización moi libre, con obxectos, do famoso conto Epaminondas. Sobre unha mesa, o manipulador dos monicreques crea un mundo de obxectos e personaxes no que dá conta das aventuras que, Vulgarcito, o protagonista, sofre nos distintos traballos polos que vai pasando.
Fariña destaca que ambos espectáculos culturais son dunha grande calidade, o que xunto coa contorna na que se van representar, “un espazo de moito valor natural”, farán que a experiencia sexa “moi satisfactoria”.