DO 5 AO 7 DE XULLO NA PRAZA DA FERRARÍA

13 librarías da cidade e máis dun cento de autoras na Festa dos Libros de Pontevedra

13 librarías da cidade e máis dun cento de autoras na Festa dos Libros de Pontevedra

Pontevedra, 26 de xuño de 2024. Pontevedra prepárase para acoller a próxima semana —venres 5, sábado 6 e domingo 7 de xullo— a sétima edición da Festa dos Libros, un evento que non só busca sacar os libros á rúa como unha forma de fomento da lectura e da creación senón tamén apoiar o sector da cultura e do libro como un motor fundamental de desenvolvemento e dinamización da cidade. 

Organizada polo Concello de Pontevedra en colaboración con trece librarías da cidade, a Festa dos Libros permanecerá aberta na carpa instalada na praza da Ferraría en horario de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 22.30 h (agás o domingo que pechará media hora antes). 

Ademais dos postos de venda das librarías reunirá a máis de 100 autores e autoras que participarán en máis de 90 actividades pensadas para incentivar a lectura e o amor polos libros. 

Entre o 5 e o 7 de xullo o papel e a lectura entrarán en simbiose coa cidade a través dunha programación diversa, intensa e para todos os públicos

O concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez Xunqueira presentou o programa, que se abrirá os tres días con actividades pensadas para os máis pequenos e pequenas da casa: Pakolas o venres (Ramona pequena vai á Lúa), Polo Correo do Vento o sábado (Tinta do mar. Pequena biografía sobre Luísa Villalta) e Paco Nogueiras e Marc Taeger o domingo (Son animal). 

Actividades destacadas 

Entre as actividades destacadas atópanse presentacións de libros por parte dos seus autores, quen compartirán as historias detrás das súas obras e o proceso creativo que as levou á vida. Alí estarán Ángeles Caballero, Mauel Jabois, Cristina Sánches-Andrade, Esther Gil, Ledicia Costas ou Tereixa Constenla.

O programa inclúe unha nova sesión de Os vermús de Pinto e Maragota, que terá lugar o venres ás 12.30 h, onde a poeta María Carmen Caramés Grogal presentará a súa obra Todo o que doe, premio Pinto e Maragota pola diversidade sexual e de xénero, co acompañamento musical de Gael de Papel. 

Novas lecturas 

Tamén o venres (ás 18.15 h) outra das actividades máis destacadas será Mulleres protagonistas, unha conversa conducida por Eva Mejuto e protagonizada por mulleres escritoras e cuxas protagonistas dos seus últimos libros tamén son mulleres. Este faladoiro contará coa participación de María Solar, Rosa Aneiros, Llerena Perozoe Sara Vila. Unha oportunidade única para coñecer de cerca a estas autoras e explorar as diversas perspectivas literarias que cada unha achega á literatura contemporánea. 

O sábado ás 12.30 h, regresará un dos espazos fixos da programación da Festa dos Libros: Enfiando lecturas, promovido pola Libraría Paz para descubrir novas lecturas, coa participación de Afra Torrado, Branca Trigo, Edu Lavandeiras e Marta Estévez. 

O domingo ás 12.30 horas terá lugar un debate literario arredor de Luísa Villalta, a autora homenaxeada este ano nas Letras Galegas, no que participarán Montse Pena, Mercedes Queixas, Montse Dopico e Xurxo Souto. 

E ás 19.15 h desenvolverase o encontro titulado A primeira vez, para descubrir as primeiras novelas de Laura Portas, Alba Guzmán Falcóne María Alonso Seisdedos. 

O Concello de Pontevedra promove tres xornadas de socialización, promoción da venda de libros, achegamento entre lectoras e autoras e, en definitiva, amor polos libros

Poesía, música e sinaturas de libros 

A poesía terá un lugar especial na Festa dos Libros como a presentación do poemario Diarios / 1 [Azul Monforte] de Antón Lopo, actual Premio da Crítica Española en poesía galega, ou o recital poético TRINCA, protagonizado por tres poetas amigos, en estado de plenitude e unidos polo colectivo das Lupercais de Lugo: Luís López Alonso, Antom Fortes e Genaro da Silva. Ambas as dúas actividades serán o venres pola tarde e prometen emocionar e cativar a todos os presentes, compartindo versos e reflexións. 

Alberto Pombo presentará o sábado ás 20.15 h o seu libro Verso e acorde. Relación entre literatura galega e música pop, xunto a unha das figuras máis destacadas e polifacéticas non só da música senón tamén da cultura galega contemporánea, Antón Reixa, quen presentará a súa Enciclopedia perplexidade. Escolma poética 1976-2023, unha selección de corenta anos do seu universo poético- creativo. 

Outras actividades 

Para completar a oferta cultural, haberá actividades musicais que porán un broche de ouro festivo, sesións de sinaturas de libros nos postos das librarías e outras iniciativas como o Cafeciño & Draw con Nuria Díaz, Mariña Rey Noya e Laura Tova. O domingo pola mañá a Libraría Seijas (organizadora da actividade) anímanos a coller os nosos aveños de debuxo para tomar un café e debuxar mentres se responde ás propostas creativas lanzadas por Alba Blanco. 

A ilustración tamén centrará outra das actividades do domingo na Festa dos Libros: o Taller Urban Sketchers, organizado pola Librería Cao. Urban Sketchers é unha comunidade global de debuxantes dedicados á práctica do debuxo na localización onde se atopan, que comparten o seu amor polos lugares onde residen e aos que viaxan. 

13 librarías da cidade e máis dun cento de autoras na Festa dos Libros de Pontevedra