Soutomaior acollerá esta fin de semana as I Xornadas sobre Recursos Naturais e Sostibilidade

charo bouzon e manu lourenzo
charo bouzon e manu lourenzo
Soutomaior acollerá esta fin de semana as I Xornadas sobre Recursos Naturais e Sostibilidade

Soutomaior, 11 de novembro de 2024. O alcalde de Soutomaior, e a concelleira de Comunidades, Charo Bouzón presentaron as I Xornadas sobre recursos naturais e sostibilidade. Unha cita que se desenvolverá esta fin de semana na Casa da Cultura Rexina Míguez Noval. 

A finalidade desta xornadas é a sensibilización e formación para un aproveitamento racional e sostible dos recursos naturais. A partir de investigacións punteiras, de experiencias e boas prácticas de acción colectiva e, da man de persoas expertas, debatiremos sobre a xestión sostible dos montes, sobre as comunidades enerxéticas e sobre outros moitos temas que nos darán ideas para implantar esas boas prácticas no noso municipio. 

Unha proposta para todas as idades, na que haberá coloquios, unha saída micolóxica, obradoiros, magosto e música. Esta é a última acción do proxecto MANCOMÚN que ten como fin dinamizar e poñer en valor os recursos naturais e medioambientais a través da participación comunitaria a partir do concepto do mancomún "de acordo a dúas ou máis persoas, ou en unión delas".

Así deste xeito o sábado 16 de novembro haberá unha saída micolóxica con MycoGalicia Plantae onde se realizará para identificar a tipoloxía de cogomelos, aprender a recolectar, coñecer curiosidades e usos e a normativa.

Xa o prato forte destas xornadas será o domingo 17 de novembro onde ao longo de toda a xornada, na casa da Cultura Rexina Míguez Doval, terán lugar obradoiros, mesas redondas, charlas... 

O xornada dominical comezará o domingo ás 11:00h. coa apertura por parte do alcalde desta xornada e posterior mesa redonda “A xestión sostible do monte” onde se exporán as liñas de investigación e control da EEI. Os modelos de participación cidadá no desenvolvemento local tamén estarán presentes tomando como referencia a xestión da CMVMC de Couso que constitúe un dos exemplos máis representativos no sur de Pontevedra. Falarase ademais das xestión de xuntas reitoras das CCMM, da silvicultura preventiva de incendios forestais e exploraremos o concepto de Custodia do Territorio para a restauración ambiental sostible. 

Ás 11:15 terá lugar o obradoiro “Estruturas vivas: construción de valados vexetais” para dar paso, a continuación, ao coloquio “Autoconsumo e comunidades enerxéticas”. Ás 13:00h. o protagonista será o obradoiro “Arborea” para a creación dun caderno de árbores autóctonas e bombas de sementes. 

Xa pola tarde, ás 16:30h., a xornada retomarase cunha charla sobre “Os coutos micolóxicos” e exposición micolóxica, co obradoiro de “cultivo de cogomelo en troncos” e co obradoiro “collage de cogomelos”. Ás 18:00h. a protagonista será a presentación “O couto de Eirexiña” e o final destas xornadas chegará da man dun magosto e música en directo a cargo da Curtidoira. 

Para os obradoiros da xornada, todos eles de balde, precísase inscrición previa que xa poden facer en www.gabinetesoutomaior.com

Dende o concello de Soutomaior animan e convidan a todo o mundo a participar e formar parte destas I Xornadas sobre recursos naturais e sostibilidade. 

Soutomaior acollerá esta fin de semana as I Xornadas sobre Recursos Naturais e Sostibilidade