'Noites Abertas' recibe un total de 158 propostas de 70 entidades de cara á XXVI edición
Pontevedra, 11 de novembro de 2024. A XXVI edición de Noites Abertas recibíu un total de 158 propostas de actividades de 70 entidades, que están a ser examinadas polos servizos técnicos municipais para elaborar o programa de lecer nocturno que terá lugar no primeiro trimestre de 2025.
Trátase dun proceso moi complexo no que se xustifica a cada entidade os motivos da escolla ou non da súa proposta e mesmo adoita ser necesaria unha negociación con cada unha delas se se considera que a actividade que se propón desenvolver precisa algunha modificación nas datas, público ao que se dirixe, horario, lugar de celebración, etc. Estas modificacións e a escolla das actividades realízanse co obxectivo de completar un programa que atenda aos diferentes intereses da mocidade pontevedresa e que resulte equilibrado.
Nunha primeira achega ao contido dos documentos presentados, a equipa de traballo destaca o moi elevado nível de calidade, que vai dificultar a escolla e ordenamento no programa de NN.AA- 2025.
Asemade, tras o peche da recepción de propostas compróbase un importante aumento da participación tanto das entidades que manifestan o seu interese en formar parte de NN.AA. como dos proxectos presentados. En total 70 entidades participaron nesta convocatoria, o que supón un aumento do 14 ́75% con respecto ás 61 de 2024. Tamén tivo un incremento importante o número de proxectos, que acadou os 158, un incremento do 17’03% a respecto das 135 do ano pasado.