A SALA DE ENSAIOS LEVA O SEU NOME

Sentida homenaxe a Dani Portas en Caldas

Sentida homenaxe a Dani Portas en Caldas

Caldas, 17 de xuño de 2024.- Unha imaxe de Daniel Portas sorrindo preside dende onte a porta da sala de ensaios da Escola Municipal de Música de Caldas de Reis. O Concello da vila termal oficializou este domingo, cun acto coas emocións a flor de pel, a súa homenaxe ao músico ilustrando cunha fotografía a entrada da sala principal, á que tamén lle puxo o seu nome. 

A xornada comezou coa familia Vázquez Valiño interpretando unha peza na honra de Dani Portas e despois chegaron as palabras institucionais. Ademais das loas do alcalde, especialmente sentidas foron as verbas do tenente de alcalde Manuel Fariña, quen era tamén amigo persoal de Portas e compartía con el a paixón pola música. 

Alí, o nacionalista fixo lembranza de múltiples anécdotas e subliñou que ademais de viúva e dúas fillas, Portas tamén deixou atrás co seu falecemento “moitos fillos musicais” que o acompañaron durante as súas etapas na dirección das Bandas de Caldas de Reis e tamén de Barro. “Foron centos de rapaces e rapazas ás que el coidou”, subliñou. Fariña destacou non só a gran calidade humana de Portas, senón tamén profesional, xa que subliñou que non hai ninguén en Galiza relacionado coa música que non coñecese ao director “e falase ben del”. 

Posteriormente ás intervencións dos representantes municipais, déronse uns agasallos á familia e o compositor David Rivas entregou á súa muller o orixinal da marcha-procesión composta en lembranza do director da Banda de Música de Caldas. Xa para rematar, no primeiro andar, descubriuse a placa co nome de Dani Portas no exterior da sala de ensaios e deuse un aplauso ante a fotografía de Portas que xa preside a porta de entrada do espazo máis usado pola Banda Municipal de Música de Caldas. 

Sentida homenaxe a Dani Portas en Caldas