O BNG denuncia que a empresa Valoriza leva un ano incumprindo o contrato do lixo
Poio, 17 de xuño de 2024. O BNG de Poio fixo público o prego de condicións correspondente ao servizo de recollida de lixo de Poio que presta Valoriza, así como aos compromisos adquiridos pola mercantil adxudicataria na súa oferta.
Para o BNG hai conclusións que demostran "que o tempo veu darnos a razón" posto que o PP "nun ano de goberno e co prego de condicións incumpríndose dende xuño do 2023 pola adxudicataria do lixo, non fixo nin un só trámite ante as numerosas deficiencias e irregularidades que eles mesmo denunciaban da empresa do servizo do lixo".
O prego de condicións técnicas destaca no seu artigo 15:
- “Os licitadores nas súas ofertas indicarán o material móbil a utilizar nos diferentes servizos, expresando con claridade o que se entende por material necesario para a correcta prestación dos servizos e material de reserva, é dicir, aquel que non estando ordinariamente en servizo se incluirá co fin de suplir aos de servizo por causa de avaría ou reforzo ocasional.
- Os licitadores deberán planificar os medios materiais a utilizar durante a vida do contrato sen ter en conta posibles ampliacións.
- O material móbil a utilizar será o máis axeitado ás características do concello e se renovará no período máximo de 8 anos, dende o inicio da concesión.”
O documento advirte que, 8 anos despois da adxudicación do contrato,quedan investimentos pendentes, como a obriga da empresa de proceder “á implantación inmediata de todo o que comprometeu na súa oferta". Tal e como se recolle no prego: “O material móbil a utilizar será o máis axeitado ás características do servizo e ás necesidades do Concello e se renovará no período máximo de 8 anos, dende o inicio da concesión”.
Esta cláusula leva un ano de incumprimento, dado que o contrato fixo 8 anos o pasado xuño de 2023 sen que a día de hoxe o goberno de Ángel Moldes fixera unha soa actuación por reverter esta situación.