O Surfing máis solidario bate records de doazóns con sete toneladas de produtos de primeira necesidade
Pontevedra, 17 de xuño de 2024. O rotundo éxito do Surfing The Lérez non se mide só pola boa música, as miles de persoas que se achegaron ao festival ou o ambiente inmellorábel, que alí se vivíu, senón tamén por un elemento que está no ADN do festival desde os seus inicios: a solidariedade.
Como todos os anos, a Concellaría de Servizos Sociais que dirixe Anabel Gulías instalou unha mesa de recollida de produtos de primeira necesidade para a Plataforma Redeaxuda na que están presentes todas as entidades sociais de Pontevedra. A iniciativa estaba promovida pola organización do Surfing The Lérez que pedía ás persoas que se achegasen á Illa do Covo a gozar das dúas xornadas de concertos, que trouxesen produtos non perecedeiros para estas entidades sociais de Pontevedra.
O resultado foi “espectacular” segundo a concelleira, xa que se bateron récords de recollida. Foron 7 toneladas de produtos de todo tipo. Os máis cuantiosos foron arroz, pasta e legumes, pero tamén conservas de peixe e verduras, aceite, leite, comida para bebés e lactantes e cueiros e produtos de hixiene.
A cantidade foi tal que na xornada do sábado pola mañá que Redeaxuda xa tivo que repartir 1.000 quilos de arroz, pasta e verduras ao Comedor de San Francisco, que eran os alimentos que máis precisaban nestes momentos, porque non collían no almacén da Casa Azul, onde Redeaxuda ten a súa sede.
A partir doluns, a Concellaría de Servizos Sociais comezou o reparto do resto de produtos entre as entidades sociais da cidade que foron entregados ás persoas usuarias dos servizos sociais e ás persoas en risco de exclusión.
Anabel Gulías quixo agradecer a todas as persoas que se achegaron á Illa a gozar da música que participasen nesta recollida solidaria, así como aos organizadores do Surfing por ter contado, un ano máis, con Redeaxuda como peza fundamental da festa.