Pontevedra amplía a todo o ano o mantemento dos cinco cemiterios municipais
Pontevedra, 17 de xuño de 2024. A concelleira responsable do departamento de Cemiterios, Anabel Gulías, vén de modificar a programación de mantemento dos camposantos municipais. Apoiada no administrador e nos traballadores dos cemiterios municipais, acordou ampliar os zafarranchos de mantemento dos camposantos a todo o ano, e non soamente ao mes anterior á festividade de Todos os santos.
O mantemento de todos os espazos públicos é unha das liñas políticas priorizadas polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores neste mandato. Está no seu propósito que, pouco a pouco pero sen pausa, todos os lugares e espazos de encontro veciñal se atopen en perfecto estado de uso, especialmente no caso dos camposantos municipais.
Con esta premisa, este programa de mantemento comezou nestas semanas e continuará ao longo dos vindeiros tres anos, cemiterio a cemiterio, actuando máis profundamente non só nas zonas comúns como se ten feito até o de agora, senón incidindo nas concesións, especialmente nas cubertas dos columbarios construídos polo Concello, que a aparición de herbas provocan filtracións de auga aos nichos e danos nas estruturas.
Nestes primeiros meses do ano realizáronse traballos de xardinería, limpeza de rúas con auga a presión, retirada de lápidas e elementos abandonados, así como calquera outro traballo derivado do mantemento xeral das instalacións dos cemiterios municipais: San Amaro, Bora, Campañó, Lourizán e Ponte Sampaio.
As limpezas sobre as cubertas dos columbarios comezaron polos cemiterios de Bora e de San Amaro. O equipo de cemiterios retirou baldosas soltas que tiñan risco de caída e producir danos aos visitantes, limpou canos de desaugue, retirou herbas das cubertas que foron crecendo co paso do tempo e que provocaban que se filtrase auga ao interior dos nichos.
A concelleira Anabel Gulías desprazouse estes días ao cemiterio de San Amaro para comprobar os traballos destes zafarranchos e limpezas de cubertas no cemiterio de San Amaro. Felicitou aos traballadores municipais polo excelente labor que realizaron e polo cariño co que tratan estes espazos tan sentidos para os pontevedreses e pontevedresas.