LUCÍA SILVA SERÁ VICE-RESPONSÁBEL NUN RENOVADO CONSELLO COMARCAL NO QUE DESTACA A PRESENZA DA MOCIDADE
Rubén Fdez. repite como responsábel local de Moraña, co obxectivo claro de ir a pola alcaldía
Moraña, 24 de xaneiro de 2022. O BNG de Moraña vén de renovar a súa dirección local nunha asemblea celebrada este pasado sábado. A organización nacionalista aprobou a creación dun novo Consello Local conformado por seis militantes e encabezado de novo polo concelleiro Rubén Fernández Monteagudo, que repite como responsábel local da organización, e tendo como vice-responsábel local a Lucía Silva Gago, veciña da Amil de 24 anos e estudante de dereito. O resto da candidatura, que foi votada por unanimidadeestá conformada pola concelleira Mariña Búa, responsábel de acción feminista e iniciativas políticas; Diego Oliveira Aboy, responsábel das áreas de cultura e deporte, Marina Tilve Gallego, responsábel de mocidade e asociacionismo local e Enrique Fernández Salgado, como responsábel de coordinación do equipo de comunicación e redes sociais.
Rubén Monteagudo salienta a "ilusión e a capacidade de traballo de todas e cada unha das persoas que forman o novo Consello Local" ademais da media de idade, con catro das persoas entre os 20 e 30 anos, o que en palabras do responsábel local "é o fiel reflexo da fortaleza e futuro que ten esta organización no noso concello e no noso país" . Rubén lembra o traballo realizado nestes anos no que destacan o aumento do número de militantes e simpatizantes na nosa organización local, o traballo social cos diversos colectivos e asociacións do concello e, por suposto, a consecución da terceira concelleira nas últimas municipais, obtendo os mellores resultados de sempre do BNG. Isto último que en palabras de Rubén "non significa o teito desta organización senón todo o contrario, é a evidencia de que o BNG disputaralle a vitoria nas municipais de 2023 ao Partido Popular, que xa definitivamente, e despois de 12 anos no poder, deixou de ter proxecto para Moraña, ideas e capacidade de xestión".
Rubén Fdez: En 2019 logramos nas municipais os mellores resultados da historia en Moraña; nas que se celebrarán no 2023, imos pola alcaldía
O recén elixido Responsábel local do BNG explica os eixos do traballo inmediato a desenvolver polo novo Consello Local entre os que destacan "a iniciación inmediata dunha rolda de contactos e xuntanza con todo o tecido asociativo do concello e tamén coa veciñanza en todas e cada unha das parroquias para dar a coñecer o noso proxecto, escoitar a demanda dos veciños e veciñas e buscar solucións". O concelleiro nacionalista indica que "seguiremos traballando na campaña en defensa da sanidade pública en Moraña. A pandemia e as políticas de demolición continuada deste servizo por parte do Partido Popular seguen a deixar en evidencia o enorme problema sanitario e a vulneración do acceso á protección da nosa saúde que estamos sufrindo todas as veciñas e veciños".
Monteagudo tamén indica que "seguiremos explicando e amosándolle á veciñanza a verdadeira cara do goberno local do Partido Popular, un goberno absolutamente acabado, xa non só na nosa percepción senón na da maioría de veciñas e veciños; un goberno dividido, sen cohesión, sen ideas nin rumbo e sen cumprir ningún dos seus proxectos electorais, como o do Campo de Fútbol de Mirallos ou a Pontenova, nin outras tantas iniciativas que se veñen aprobando nos diferentes plenos a proposta do BNG como a dotación de saneamento ao 100% de aldeas e lugares do Concello, a creación dunha aula de estudo, a Aula Wifi, a Oficina de información Xuvenil, ou as campañas de dinamización do comercio local".
Por último, o novo Consello local lembrou o obxectivo a medio prazo que constitúen as eleccións municipais previstas para 2023 onde, segundo Rubén "temos o absoluto convencemento de que o BNG de Moraña está en disposición de gañalas, e para iso poñeremos todos os nosos esforzos, unha vez que a militancia decida a persoa que encabece a lista, para gañar a alcaldía de Moraña, e polo tanto deixar atrás para sempre os escuros e tristes gobernos do PP comezando un tempo novo no noso Concello".