Recoñecementos internacionais ao Modelo Pontevedra
Pontevedra, 20 de outubro de 2023. O alcalde de Pontevedra vén de ser reelexido por unanimidade Presidente da rede internacional das Cidades que Camiñan, na Asemblea Xeral da entidade celebrada o 18 e 19 de outubro en Valladolid.
Cidades que Camiñan é unha asociación internacional sen ánimo de lucro, aberta a concellos e outras administracións públicas comprometidas coa camiñabilidade. O seu obxectivo principal é que os viandantes sexan máximos protagonistas da mobilidade urbana e do espazo público.
A Asemblea Xeral deste ano estivo centrada nas temáticas da saúde e das peonalizacións máis alá dos centros urbanos, que se abordaron en dous obradoiros que contaron coas intervencións de 25 especialistas.
O alcalde de Pontevedra, xunto co de Valladolid, pecharon as xornadas incidindo na necesidade de avanzar cara modelos máis amábeis e caminábeis, e entregándolles os premios Cidades que Camiñan a Miajadas (Cáceres), Vilagarcía de Arousa, Iruña, Braga e Barcelona..
Visita de Tonucci con unha delegación da Rede Brasileira da Cidade dos Nenos e Nenas
Antes de partir para asistir á Asemblea Xeral das Cidades que Camiñan, Lores recibíu ao prestixioso pedagogo italiano Francesco Tonucci, que chegou acompañado dunha delegación da rede brasileira de “Cidades dos nenos e da nenas” interesada en coñecer de primeira man o Modelo Pontevedra.