Concello de Pontevedra e Xunta buscan solución as problemáticas xurdidas durante a construción do vial de acceso ao novo hospital
Pontevedra, 19 de outubro de 2022. O concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, mantivo este xoves unha reunión convocada pola Xunta de Galiza da man da Axencia Galega de Infraestruturas, que xestiona a construción do novo hospital de Montecelo, co fin de tratar diversos asuntos en relación con este, como a creación do vial perimetral e a expropiación dos terreos necesarios para tal operación, ou o futuro estacionamento que terá que ser creado no lugar.
Segundo o indicado polo edil, a Xunta amosou a súa vontade de facer un proxecto que resolva os problemas «que sexa razoábel resolver», a través dun proceso de expurgación dos documentos que agora deberá entregar á veciñanza. «A Xunta será a responsábel de tramitar o proxecto e de facer as novas expropiacións que se consideren», explicou. «Quen o pague é unha cuestión menor. Falamos de cantidades menores e, certamente, nin tan sequera se entrou a falar diso».
César Mosquera, sinalou que a Xunta «será a responsábel de tramitar o proxecto e de facer as expropiacións que se consideren», lembrando que as suxestións aportadas polo Concello no seu día ao proxecto inicial «terían resolto todo»
Alén deste asunto, Mosquera sinalou que «unha cuestión que quedou clara é que a suxestións para o trazado e para as expropiacións de tres metros máis do aprobado era correcta, e de tela aceptado hoxe, probablemente, non estaríamos falando de nada disto». «Ten que quedar claro de quen foi a responsabilidade de seguir adiante co proxecto inicial. Coido que aquela suxestión tería resolto todo, pero aínda hoxe non sabemos con exactitude a magnitude do problema por mor das distintas versións. Haberá que estudalo, expurgar e ver como queda ao final. O espírito e tentar resolvelo».
Con respecto á acometida da rede eléctrica o Concello aprobará na vindeira modificación de crédito unha achega de 1.160.000 euros para poder mellorar a liña de media tensión do futuro hospital. «Cumprimos coas nosas obrigas e ofrecemos a máxima colaboración, como fixemos coa subministración de auga, de pluviais ou de saneamento», lembrou o edil.
Aparcamento
No referido á solución do estacionamento e a integración paisaxística do mesmo en Montecelo, no propio proxecto se advirte que a nomeada integración é «deficiente e bastante mellorábel». «A nosa proposta é xa coñecida, mais tamén lembramos que a actual será custosísima, e traerá uns prezos disparatados para os usuarios para que sexa viábel», indicou. «O que nos remitiron neste caso é que vai haber novidades, pero serán faladas o alcalde e o presidente o vindeiro luns. Non quixeron falar máis, polo que deducimos que haberá algún tipo de proposta híbrida, entre a construción dese gran edificio aparcadoiro e o uso dos terreos para un estacionamento en superficie».