César Mosquera acusa a Domínguez de destrozar todo o feito no Museo e de convertelo nunha dependencia xestionada directamente polo PP
Pontevedra, 3 de outubro de 2023. O voceiro do BNG na Deputación, César Mosquera, acusou hoxe ao vicepresidente provincial Rafael Domínguez de “desfacer todo o feito” no Museo de Pontevedra nos últimos anos actuando como un ‘destroyer’ e de converter o Museo nunha dependencia xestionada directamente polo Partido Popular: “É espectacular que quen está a exercer de director efectivo do Museo profesional é Domínguez”, dixo.
O nacionalista fixo estas declaracións tras coñecer o anuncio da anulación do proxecto de Santa Clara co fin de cambiar a proposta museística no relativo aos achados arqueolóxicos, aducindo o desexo de non tocar a finca e os xardíns do convento. Segundo Mosquera esa argumentación do ‘popular’ é unha “desculpa de mal pagador”, un motivo que aínda parecendo plausible, non está xustificado xa que o anteproxecto de Nieto Sobejano podería desenvolverse sen problema retirando a parte referida á arqueoloxía.
Para Mosquera o fondo do asunto e as últimas decisións de Domínguez en canto á Dirección e a Santa Clara deixan ver que o ‘popular’ pretende gobernar politicamente o Museo sen que ninguén lle faga sombra. “Queren volver a aquelas, antes do 2015, en que a guerra polo control do Museo entre o director profesional daquela, Carlos Valle, e a deputada do PP para controlar o Museo era a morte, pública e notoria. Agora non queren que haxa ningunha dirección con peso e proxecto para controlalo. Está clarísimo. Díxeno no pleno e repítoo”, subliñou.
As prioridades do Museo, explicou Mosquera, por necesidade nestes momentos e por obrigas legais deberían ser as do acollemento dos restos arqueolóxicos, posto que por lei debe acoller os restos das escavacións arqueolóxicas da provincia salvo Vigo, que vai a Quiñones de León, pero non dispón de lugar axeitado para facelo. “Hai restos arqueolóxicos que están ciscados por naves en concellos porque non hai capacidade. Esa sería unha necesidade que está aí que ninguén poderá negar”, dixo, apuntando quem ademais, poderá suceder que os restos que apareceron en Santa Clara vaian para outro lado en lugar de mantelos no convento.
Segundo o voceiro provincial nacionalista no convento hai 14.000 metros e apenas están ocupados máis de 1.000, polo que non entende o problema por ocupar outros 3.000 ou 4.000, tendo en conta que a finca ten recheos de 4 metros de altura. En calquera caso, subliñou que modificar esa parte do anteproxecto sería viable. “Non vai alí o de arqueoloxía e xa está, cámbiase. Que problema hai? Os estudos que se presentaron puxeron iso porque ía no programa, pero quítase. Patrimonio dixo xa había que haber cambios”, insistiu.
En canto ao compromiso da Deputación coa equipa de Nieto Sobejano por ter gañado “limpamente” o concurso, dubidou de que sexa fácil rompelo tal como dixo Domínguez. “Vai ser un tema non pacífico”, augurou, subliñando que aínda que as bases foran redactadas para que a Deputación non quedase coas mans atadas, comprometéndose o menos posible, caben diferentes interpretacións e, por suposto, unha reclamación formal.
Adxudicación a dedo e sen data
Para o nacionalista o obxectivo do anuncio do PP non é outro que poder adxudicar a dedo o novo proxecto de Santa Clara, facéndoo, ademais, sen dar unha data concreta para a rehabilitación.
Mosquera, como anterior responsable político do Museo, lembrou que apesares dos ofrecementos de colaboración polo ben da institución, Domínguez “nunca falou comigo, fixo un paripé de reunión na comisión de seguimento”, de onde deduciu, dixo, que xa tiña unha idea predeterminada de facer moitos cambios a futuro.
Neste sentido destacou tamén que “deducín que se ía cargar o director sen máis”. “O que non deducín foi que ía facer tal chapuza de nomear a alguén que non podería ser”, subliñou. Neste sentido, aclarou que a nova directora non é tal nestes momentos, senón que, falando con precisión, “ten atribuídas as funcións de directora por non existencia de tal. Entre outras cousas non pode ser directora porque os cargos directivos teñen que ser funcionarios e ela non o é aínda. É persoal laboral. Ten acumulación de funcións de dirección”, matizou, salientando que é preciso un proceso oficial de selección e un proxecto para o Museo.
“Escoitastes falar algo á nova directora? Escoitastes falar algo á directora de xestión? Sabemos cal é o proxecto museístico profesional para o Museo? Toman decisións antes de redactalo. Queren destruír todo”, insistiu, subliñando que a directora está “agochada” e que coa súa maneira de proceder a Deputación pona “ao pé dos cabalos”.
Tamén cuestionou, visiblemente preocupado, cal será o futuro dos edificios centrais.