Mosquera advirte de que cargarse a Dirección profesiona do Museo e poñer a un deputado á fronte “é unha bomba de reloxería”
Pontevedra, 29 de setembro de 2023. O portavoz do BNG na Deputación, César Mosquera, advertiu hoxe no pleno provincial que “cargarse a Dirección profesional” do Museo de Pontevedra e poñela en mans dun deputado suporá unha auténtica “bomba de reloxería” no funcionamento da institución. O nacionalista, así mesmo, quixo crer e cualificou de “alegría” o anuncio do voceiro do PP Jorge Cubela de que a praza de Dirección se cubrirá cun procedemento regulado. Destacou Mosquera que, de cumprirse, non vai ser a única corrección que terá que facer o novo goberno da Deputación aos anuncios do vicepresidente Domínguez.
Mosquera foi duro na súa intervención e subliñou que por primeira vez na historia a Dirección do Museo a exerce directamente o deputado ao poñer á fronte a unha persoa nomeada a dedo. Lembrou que o anterior director Carlos Valle era funcionario coa praza director do Museo e o recente, José Manuel Rey, era tamén funcionario elixido nun concurso público con concorrencia competitiva para ser director. “É a primeira vez que un deputado se pon á fronte. Iso é unha modificación dun calibre elevadísimo, unha auténtica bomba de reloxería no Museo”, insistiu.
Segundo subliñou, o cambio é unha modificación do persoal ao servizo da Deputación profundamente desafortunada que vai en contra de todo o que se está a facer en todos os museos. Neste sentido, Mosquera foi crítico tamén coas declaracións do presidente con respecto ao tema, facendo referencia a que os cambios na dirección do Museo obedecen aos cambios normais cando chegan novos gobernos. “As direccións de confianza en certos postos ou institucións si se cambian, ou cando hai cambio de goberno, pero os museos deben ter certa autonomía e todos os museos que non son chiringos moi desvalorizados, todos, funcionan doutra maneira”, insistiu.
“Imaxínese como queda iso. Queda unha persoa nomeada a dedo totalmente débil, sen ningunha autonomía, sen ningunha capacidade. Na práctica as declaracións públicas así o ratifican: a dirección efectiva non é profesional, senón que é directamente do deputado (...) e botamos en falta que se dean explicacións”, dixo. Lembrou que “o Museo foi un patronato e non se podía facer iso, logo foi un organismo autónomoe tampouco se podía facer. Disolveuse e seguiuse cunha dirección profesional e agora pois desaparece a dirección profesional e aparece un tipo de funcionamento que vai ser moi perigoso. Se non, ao tempo”.
Ante a contestación do voceiro Jorge Cubela de que o nomeamento da nova directora é provisional ata que non se cubra o posto polo procedemento regulamentario o portavoz do BNG quedou “atónito”. Destacou que esa afirmación é totalmente contraditoria co anunciado polo vicepresidente Rafael Domínguez tanto verbalmente como por escrito, polo que preguntou se a afirmación é unha emenda á totalidade do plantexado polo ‘popular’. “Case me dá vostede unha alegría. É unha corrección? Porque non vai ser a única”, augurou.
Acordos plenarios
Por outra parte, o voceiro Mosquera tamén deu un tirón de orellas ao grupo do goberno ao votar en contra da modificación das bases do PON2030 por non considerala procedente. Destacou que crear nos concellos a cultura do “todo é gratis é negativo e terá consecuencias no tempo”.
Ante a sorpresa que o voto negativo causou na bancada ‘popular’, que cualificou ao grupo nacionalista de negociador, Mosquera reflexionou subliñando que o PP está “a derruír todas as achegas que o BNG fixo no anterior goberno” no relativo á igualdade entre os concellos e á profesionalidade. “Din que se pode negociar con nós, pero están a cargarse todos os avances que se nos atribúen e insinúan que queren retomar o Plan de Acción Caciquil”.
Neste mesmo sentido, Mosquera salientou que a moción sobre o mantemento do Plan Concellos debería non ter sido necesaria, xa que o único que solicitaba, salvo cuestións de cantidades, é que o reparto de fondos entre os concellos se faga sobre criterios obxectivos e cumprindo a lei. Por iso, solicitou concreción ao PP á hora de aclarar cal vai ser o seu proceder, “se a libre disposición e o reparto cando cadraba anterior -que sería un erro e hoxe non podería pasar informe de Intervención e Secretaría”.
Salientou, de feito, que hai “gato encerrado” nas afirmacións do PP de que se van aumentar as partidas para concellos, para actuacións e para todos os investimentos. “Marcho moi preocupado. Algo non casa. Haberá nos orzamentos un millón máis ou menos que este ano, e vai haber cartos para todo?”, preguntou.