VISITA INSTITUCIONAL DA PORTAVOZ DO BNG AO CONCELLO DE PONTEVEDRA

Ana Pontón comprométese a que Pontevedra avance en equipamentos, infraestruturas, cultura e medioambiente

2023-09-28 10.28.25-2023-09-28 10.28.25-_DSF2188-RAF_DxO_DeepPRIME
Ana Pontón comprométese a que Pontevedra avance en equipamentos, infraestruturas, cultura e medioambiente

Pontevedra, 28 de setembro de 2023. A portavoz nacional, Ana Pontón, mantivo unha visita institucional en Pontevedra co alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, coa finalidade de repasar as diversas cuestións e demandas que Pontevedra ten con respecto á Xunta de Galiza. “Temos distintas cuestións que nos preocupan e así llo transmitimos á líder da oposición”, explicou o alcalde.

Pontón comezou sinalando que a cidade “é un referente para miles de galegos e galegas” e “un exemplo internacional da capacidade de transformación en positivo, en mobilidade, en transformación de contornas urbanas e en desenvolvemento sustentable”.

No encontro, tal e como indicou a portavoz nacional, entrouse en detalle en cuestións que permitan facilitar que o proceso de transformación que Pontevedra leva vivindo nos últimos 24 anos teña acompañamento por parte de todas as administracións. “Como líder da oposición, nesta visita adquiro o compromiso de que algunhas das demandas do Concello de Pontevedra se poidan ir verificando dende o Parlamento e coas partidas orzamentarias pertinentes”, apuntou.

Ana Pontón amosou a súa intención que as demandas do Concello de Pontevedra se poidan ir verificando no Parlamento galego.

No ámbito da mobilidade Pontón puxo o foco na construción da variante de Alba, “unha demanda histórica e cuestión clave para mellorar a mobilidade”. “A Xunta ten que ter en conta que estamos a falar dunha obra de menos de un quilómetro, sen complicación dende o punto de vista orzamentario nin loxístico”, manifestou, indicando que “o único necesario é un compromiso mínimo coa cidade”. Ademais, a portavoz nacional comprometeuse a que “de non iniciarse a obra nesta lexislatura, iniciarémola na seguinte se os galegos e as galegas nos dan a responsabilidade de poder liderar o próximo goberno da Xunta”.

Xa centrada no ámbito cultural, Pontón urxiu a necesidade de apoio por parte da Xunta para a rehabilitación de Santa Clara “ao ser un proxecto que constrúe cidade e tamén País”. A isto engadiulle a transformación do Museo de Pontevedra no Museo Nacional de Galiza. “Pontevedra e ese museo teñen as características necesarias para poder dar ese salto, tanto polos fondos que ten, pola orixe, polas instalacións... e tamén por todo o ecosistema creativo que ten a cidade na que conviven a facultade de Belas Artes, o Campus CREA, a Escola de Deseño e o Grao de Deseño”, manifestou.

2023-09-28 11.20.57-_DSF2351

O Hospital Provincial e o dragado da Ría, temas fundamentais

Alén disto, Pontón cualificou a sanidade como “unha cuestión fundamental no momento que estamos vivindo”. Neste sentido, e falando do Hospital Provincial, propuxo “blindar os equipamentos sociosanitarios e a ampliación de espazos para mellorar a calidade asistencial e aproveitar as infraestruturas”.

Como cuestións finais, Pontón e Lores puxeron no centro do debate o dragado da Ría de Pontevedra, que permitiría mellorar a navegación, a calidade medioambiental e os usos sociais do espazo. “Hai que comprometerse con impulsar este proxecto. Todos teñen dificultades, pero os problemas non poden ser unha escusa ante algo tan importante como a recuperación da ría”, indicou a líder do Bloque.

Para rematar, sumouse á queixa da cidade por ser a única capital de provincia que non ten unha delegación da CRTVG. En palabras da portavoz nacional “a información local ten un peso moi importante e a CRTVG non pode privar á cidadanía de Pontevedra de coñecer que pasa ao seu redor”. Como solución a isto propuxo reabrir esa delegación e “traballar para ter unha información plural, veraz e ao servizo da sociedade”.

“Este encontro permíteme coñecer moito mellor as necesidades da cidade”, indicou Pontón. “Trasládolle ao alcalde e ao equipo de goberno o meu compromiso para mellorar os problemas da cidade, dende os equipamentos sociosanitarios ás infraestruturas, e o meu apoio para que Pontevedra que siga avanzando como referente cultural e mellorando en materia medioambiental”, concluíu. 

Ana Pontón comprométese a que Pontevedra avance en equipamentos, infraestruturas, cultura e medioambiente