O pleno concello de Ponte Caldelas aproba a moción do BNG para a ampliación e profesionalización do servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais
Ponte Caldelas, 28 de setembro de 2023. O Pleno do concello de Ponte Caldelas celebrado no día de hoxe, aprobou cos votos favorábeis de BNG e PSOE e a abstención do PP, unha moción do BNG para instar á Xunta de Galiza a ampliar e profesionalizar o persoal propio do servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais, para que poida atender eficazmente a todo o territorio.
Na súa intervención, a portavoz nacionalista, Sol Seoane, lembrou que Ponte Caldelas está incluído nos municipios con alto risco de incendios forestais, e que “non é a primeira vez que as veciñas e veciños tivemos que facer fronte aos lumes con medios mecánicos e humanos moi precarios”. Ademais, o envellecemento da poboación, a plantación masiva de eucaliptos e o abandono de parcelas contribúen a acrecentar o perigo dos lumes.
Fixo referencia a portavoz nacionalista aos debastadores incendios de 2006, os lumes que en 2013 devastaron Barbudo e Anceu, e os que en 2017 fixo o proprio con Chaín, A Insua, Gradín, Paradela, ou Parada, entre outros.
Para o BNG, a pesar do grande esforzo feito polas comunidades de montes e polos propietarios particulares, resulta imprescindíbel adoptar medidas para garantir as franxas de seguridade que protexan os distintos lugares do noso concello.
A nova tipoloxía de incendios con lumes de expansión máis rápida, con ameazas a vivendas, con maior carga de combustíbel en densidade e en extensión, con temperaturas máis altas e con períodos de secas máis acusados... esixe un sistema de prevención e extinción máis profesionalizado e cunha formación homologada e efectiva
Necesitamos contar cun Servizo Galego de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais, que sexa un servizo estábel, profesionalizado, activo os 365 días do ano e de mando único. Consideramos que é necesario ampliar este servizo propio da Consellaría de Medio Rural nun volume axeitado para atender á totalidade do territorio, co obxectivo final é contar cun servizo profesionalizado e eficiente tanto en labores de extinción dos lumes convectivos de 6a xeración aos que nos enfrontamos como para a realización con garantías e prontitude dos labores de prevención que neste momento son inherentes ás brigadas municipais e que se financian en boa medida a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do PDR de Galiza.
Na Galiza temos neste momento, un sistema atomizado con múltiples organismos que se adican á prevención e extinción. Isto resta notabelmente eficacia na actuación ante os lumes forestais e moito máis coa nova tipoloxía de incendios á que nos enfrontamos na actualidade xa que se comportan de maneira completamente diferente á afrontada até o día de hoxe.
A atomización e heteroxeneidade do Servizo de Extinción de Incendios, baixo a responsabilidade da Xunta de Galiza, coa continua perda de peso neste do SPDIF afecta gravemente a eficacia deste. Demasiados chiringuitos pagados con cartos públicos e cunha formación escasa. A eficacia diminúe por dous factores, por atomización do dispositivo, (estase metendo no monte xente pouco preparada) e porque os dispositivos non están sendo adaptados ó novo tipo de lumes. Isto non se pode deixar á improvisación. “Todo dispositivo que traballe nunha emerxencia -sinalou Sol Seoane- debe ter esa formación: brigadas municipais, Seaga, persoal privado contratado... Unha brigada municipal ten a calidade operativa do salario que cobra e do tempo de contrato que ten. A realidade é que non existe ningún protocolo conxunto en canto a preparación e formación.
Para a nacionalista resulta incomprensíbel que a Xunta persista na súa negativa a ampliar os contratos dos bombeiros forestais de 6 e 9 meses para convertelos en traballadores fixos do SPDIF e polo tanto ben formados e cumprindo as funcións que a día de hoxe se asignan a empresas privadas. O servizo de extinción non pode estar a expensas do que manden as vagas de seca e lumes para contratar o persoal das brigadas terrestres. É evidente que cada vez é máis necesario cubrir con persoal profesionalizado e estable os labores de prevención e emerxencias para controlar un territorio despoboado e onde a maleza campa ás súas anchas. “A nova tipoloxía de incendios con lumes de expansión máis rápida, con ameazas a vivendas, con maior carga de combustíbel en densidade e en extensión, con temperaturas máis altas e con períodos de secas máis acusados... esixe un sistema de prevención e extinción máis profesionalizado e cunha formación homologada e efectiva”, concluíu Sol Seoane.