Primeiros pasos nas obras de emerxencia no Teatro Principal para garantir a súa seguridade e reabrir o antes posíbel
Pontevedra, 20 de abril de 2026. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, informou sobre as obras de emerxencia que se están a levar a cabo no Teatro Principal após o peche das instalacións debido á caída do falso teito o pasado mes de marzo. O rexedor subliñou o firme compromiso do Goberno Local para recuperar este espazo, destacando que “o Teatro Principal é un activo importantísimo para a actividade cultural do concello, polo tanto, queremos arranxalo o antes posible para que estea a disposición de todos os pontevedresese pontevedresas”.
Para poder instalar as estadas necesarias para a reparación da escaiola do teito, foi preciso retirar todas as butacas, deixando un patio de platea completamente baleiro, unha imaxe atípica deste espazo. Segundo explicou Lores, os técnicos están a estudar as diferentes solucións para repoñer o teito, primando en todo momento a seguridade e a garantía de manter a calidade de son que esixe un recinto destas características.
Aproveitando esta intervención de emerxencia, o Concello continúa traballando noutras melloras que xa estaban previstas, como son a instalación do ascensor, a reforma dos baños e a impermeabilización das terrazas para solucionar algunhas filtracións detectadas. Ademais, vaise aproveitar a ausencia de asentos para limpar e envernizar o chan de madeira do patio de butacas, deixándoo en "perfecto estado de revista”.
Respecto ás butacas retiradas, algunhas en malas condicións e con marxe de mellora, o rexedor explicou que se están a avaliar os informes económicos e técnicos para decidir se se procede á súa reparación e retapizado con garantías, ou se pola contra se apostará por unha substitución completa das mesmas.
Lores evitou fixar prazos exactos para a reapertura do principal, aclarando que, malia a decisión política de arranxar o teatro de forma urxente, os tempos dependerán das solucións técnicas adoptadas e da dispoñibilidade de persoal e empresas especializadas que garantan "un traballo ben feito”.
Pola súa banda, o arquitecto municipal, presente durante a visita, explicou que xa se realizou un escaneo 3D para contar cun levantamento preciso a través dun estudo de puntos, o que permite coñecer á perfección as formas dos falsos teitos de escaiola que deben ser substituídos, ben mantendo o mesmo material (cousa que semella complicada perante a falta de traballadores na actualidade coa capacidade de facelo) ou doutro, como pode ser a madeira (que permitiría manter as mesmas capacidades acústicas de difusión das ondas sonoras).