Pontevedra reparte 10.000 exemplares informativos entre a veciñanza para explicarlle os detalles definitivos do novo parque da Parda
Pontevedra, 20 de abril de 2026. O concello de Pontevedra iniciou a semana pasada a distribución de 10.000 exemplares informativos que chegarán a todas as vivendas do barrio da Parda e a súa contorna para informar de primeira man á veciñanza sobre as características e a evolución do que será o maior parque urbano da cidade de Pontevedra.
Até o de agora os traballos centráronse, principalmente, en realizar movementos de terra para unificar as superficies e as cotas da parcela, chegando a moverse máis de 100.000 metros cúbicos de material, e en instalar os muros de contención dos distintos niveis do parque. Neste momento, a canalización dos servizos de saneamento e abastecemento xa está totalmente rematada e estase a instalar o resto de servizos como as redes eléctricas, de telecomunicacións e demais.
A información repartida tamén aclara dous aspectos importantes do deseño definitivo. Por unha banda, explícase que se manterá o fito da auga para o refresco de toda a veciñanza e usuarios. Aínda que inicialmente se constatara a existencia de auga na parcela en moita abundancia —o que fixo sospeitar que se trataba dun manancial natural—, a limpeza de toda a finca e o paso dun chuvioso inverno confirmaron que a auga era froito da acumulación por falta de saída na parcela, pero non xurdía nela. De todos os xeitos, acordouse manter este fito refrescante.
Por outra banda, confírmase a intención de que o espazo dedicado a deportes urbanos sexa exclusivamente un skatepark de case 1.100 metros cadrados.
Nas distintas visitas realizadas polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, para comprobar a marcha dos traballos, destacou a magnitude e a importancia do proxecto, asegurando que “estamos ante o parque máis grande da cidade, incluso máis que a Alameda e as Palmeiras”. Tamén fixo especial fincapé na vertebración da cidade, apuntando que lle gustaba “especialmente que desde o leste da cidade, desde a Parda, se poida conectar este parque co parque dos Gafos e chegando até a ría”. Ademais, tamén afirmou que a mellora da calidade de vida do barrio da Parda “xustifica esta importantísima intervención”.
O novo parque da Parda conta cun investimento que supera os 5,3 millóns de euros e está a ser executado pola UTE formada polas empresas pontevedresas Ramírez e Covsa. A parcela transformará radicalmente a contorna dotándoa de máis de 34.000 novos metros cadrados de esparexemento. Entre as súas dotacións, contará cun parque infantil, zonas de pradería, varios miradoiros e a plantación de máis de 1.500 especies de árbores e arbustos. A maiores, instalarase un sistema de iluminación 100% LED e habilitaranse máis de 200 prazas de aparcadoiro de balde en superficie. Finalmente, os traballos tamén contemplan deixar preparadas todas as conexións necesarias para o futuro pavillón da Parda.
A execución do novo parque da Parda é unha das actuacións incluídas no Plan de Actuación Integrado (PAI) denominado “RAIL Pontevedra”. Esta obra, cuxo investimento supera os 5,3 millóns de euros, conta con financiamento dos fondos europeos FEDER a través do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE) correspondente ao período 2021-2027. A obtención desta inxección económica articúlase grazas á posta en marcha da nova estratexia EDIL (Estratexia de Desenvolvemento Integrado Local) da Axenda Urbana de Pontevedra, un fito que permite contar co apoio financeiro da Unión Europea para transformar estes terreos degradados no maior pulmón verde da cidade, mellorando a permeabilidade do barrio, a súa cohesión social e a calidade ambiental e de vida de toda a veciñanza.