O Mercado acollerá en maio unha nova edición do ciclo "Conversas do Primeiro Andar" con Lúa Mosquetera, The Rapants, 9LOURO e Nadie González

O Mercado acollerá en maio unha nova edición do ciclo "Conversas do Primeiro Andar" con Lúa Mosquetera, The Rapants, 9LOURO e Nadie González

Pontevedra, 21 de abril de 2026. A concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, e o director da axencia de produción Jack-Jack, Marcos Rivas, presentaron unha nova entrega de "Conversas do Primeiro Andar", un dos ciclos de maior éxito da programación do Mercado de Abastos de Pontevedra. Trátase dunha iniciativa coa finalidade de xerar un espazo de encontro que mestura cultura, arte e creatividade nun ambiente próximo. 

As novas sesións terán lugar os días 16, 21 e 23 de maio no primeiro andar do Mercado. Durante a presentación, Anabel Gulías agradeceu a sensibilidade da produtora Jack-Jack e destacou que este ciclo axuda a consolidar o Mercado de Abastos como "o epicentro da cultura e da gastronomía da cidade", converténdoo nun equipamento ideal para compartir, dialogar e pasar un tempo de lecer “gustoso". 

A programación desta edición inclúe tres propostas que poñen en valor o talento creativo galego: 

  • 16 de maio ás 13:00h - Conversa con Lúa Mosquetera: A xornalista Susana Pedreira moderará unha charla con esta destacada artista multidisciplinar. Lúa Mosquetera é unha referente no feminismo e na creación artística actual, abarcando desde a poesía ata o bordado e a pintura en pratos, abrindo novos camiños e achegando a comprensión da arte a todos os públicos. 
  • 21 de maio ás 20:00h - Conversa e sinatura de discos con The Rapants: Os xornalistas Belén López e Alejandro Espiño moderarán un encontro coa banda, que está a ser un dos grupos máis destacados da tempada. Esta cita ofrecerá ao público a oportunidade de interactuar de xeito activo cos músicos, fuxindo da pasividade habitual dos concertos, e incluirá a sinatura do seu novo disco "Rapants Club". 
  • 23 de maio ás 13:00h - Conversas urbanas con 9LOURO e Nadie González: A última xornada poñerá o foco no futuro da escena creativa galega, con dous artistas que están a abrir novos códigos e linguaxes. A mesa estará moderada polo xornalista cultural "Rincón de Daniel", redactor na revista Mondo Sonoro. 

Pola súa banda, o promotor Marcos Rivas puxo en valor o gran momento que vive a música urbana e a escena cultural en galego. Rivas destacou que creadores como 9LOURO e Nadie González están a achegar o seu estilo propio, na liña de vangarda de fusión de xéneros que impera hoxe en día, e celebrou que a música de Galiza estea a traspasar fronteiras e a triunfar noutros puntos da xeografía española. 

Tanto a concelleira como o director da produtora pecharon a presentación convidando a toda a veciñanza a asistir e gozar tanto da riqueza destas conversas como do propio espazo do Mercado. 

O Mercado acollerá en maio unha nova edición do ciclo "Conversas do Primeiro Andar" con Lúa Mosquetera, The Rapants, 9LOURO e Nadie González